Lalín acolle a reunión da comisión executiva do Eixo Atlántico
Lalín é o lugar escollido para celebrar este venres unha nova reunión da comisión executiva do Eixo Atlántico na que se analizarán proxectos de interese común para os municipios de Galicia e o norte de Portugal. Entre os asuntos que recolle a orde do día está, por exemplo, a presentación do informe sobre o tramo galego da conexión ferroviaria entre Vigo e Porto, que realizará Miguel Rodríguez Bugarín.
No encontro participarán representantes de 12 concellos e cámaras municipais, entre eles o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro e o de Lalín, Rafael Cuíña. Tamén confirmaron a súa presenza os rexedores do Barco, Alfredo García, e o de Monforte, José Tomé, cos que Cuíña ten previsto manter outro encontro no que se analizarán as posibles liñas de colaboración que se poden establecer entre os tres municipios para avanzar na potenciación e na promoción do Camiño de Inverno.
Rafael Cuíña considera que “este tipo de reunións ao máis alto nivel sitúan a Lalín no centro das negociacións e decisións políticas das que dependen importantes iniciativas de futuro para a cooperación intermunicipal e transfronteiriza. E ao mesmo tempo tamén serven para canalizar a confluencia de intereses comúns”. Neste sentido salienta, polo seu peso, a presenza de alcaldes de grandes cidades como a da Coruña, pero tamén a dos representantes dos municipios portugueses como Porto, Braga, Bragança, Barcelos, Matosinhos e Viana do Castelo e os galegos de Lugo, Vigo, O Barco e Monforte.
Camiño de Inverno
O alcalde de Lalín, xunto co do barco e o de Monforte, agarda que tamén se empecen a sentar as bases para definir unha estratexia común que terá como finalidade poñer en valor o Camiño de Inverno. Esta ruta, de gran riqueza patrimonial e ambiental, está chamada a ser un importante polo de atracción turística e un dos posibles eixes dinamizadores da economía nos tres concellos.
Rafael Cuíña xa mantivo nas últimas semanas varias xuntanzas con hostaleiros do municipio interesados en promocionar este Camiño, cuestión na que xa se leva traballando -en contacto co Concello de Lalín- dende hai varios meses. Entre as necesidades que se antollan prioritarias está, ademais dunha campaña de divulgación da ruta, a de crear unha imaxe de marca propia para o Camiño de Inverno, que debe incluír unha sinalización uniforme e común da vía ao seu paso polos tres concellos.
As outras necesidades céntranse en definir os métodos de cooperación entre concellos e entre diferentes administracións para garantir a súa conservación e o seu mantemento.











