La Rosaleda organiza unha xornada gratuíta para coñecer e afrontar o cancro de mama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Con motivo da conmemoración do Día contra o Cancro de Mama, o Hospital La Rosaleda organiza este martes unha xornada de portas abertas na que varios especialistas do centro tratarán a enfermidade desde as súas respectivas disciplinas. A partir das 17:00 horas a sala multiusos do céntrico hospital compostelán acollerá até seis charlas nas que, dun modo rápido, claro e moi preciso trataranse diversos temas relacionados con este cancro que afecta cada ano no noso país a máis de 26.000 persoas.

A pesar desta cifra e á gran prevalencia que aínda presenta esta enfermidade, a Dra. Cristina Varela, responsable da Unidade de Diagnóstico Rápido do Cancro de Mama da Rosaleda, subliña os “enormes avances logrados nos últimos anos, que converteron a este tumor nun dos que presentan mellor prognóstico”. De aí a importancia da información e a necesidade de que “a poboación teña o maior coñecemento posible deste tumor”, explica a cirurxiá. Para iso organizou esta xornada dirixida tanto a pacientes que sofren a enfermidade “como á poboación en xeral, co fin de mellorar aínda máis en prevención e de reforzar o diagnóstico precoz deste cancro”.

E é que “diagnóstico precoz” é a palabra crave “cando falamos de tumores, pero especificamente en tumor de mama”, sinala a cirurxiá, posto que desa rapidez depende “non só a supervivencia senón unha mellor calidade de vida para a paciente”. Por iso La Rosaleda puxo en marcha a Unidade de Diagnóstico Rápido do Cancro de Mama, na que garante un resultado “cento por cento fiable en cuestión de días”. 

Programa da xornada

Os interesados nesta nova Unidade poderán ter máis información na xornada que terá lugar este martes de 17:00 a 18:30 h, e que contará coa presenza de varios especialistas que darán a coñecer as múltiples caras da enfermidade, desde un radiólogo que falará do screening até a cirurxiá Cristina Varela que dará unhas pautas para realizar correctamente a autoexploración mamaria, pasando polo Dr. Antoniadis, cirurxián plástico, que falará sobre prótese mamarias e cancro de mama, así como a problemática das próteses PIP. O Dr. Ferrón, endocrino, inculcará algunhas pautas de vida saudables, empezando pola alimentación, e a fisioterapeuta Lucía Mosquera falará sobre as medidas preventivas do linfedema (hinchazón do brazo tras a cirurxía). 

19 de outubro de 2015 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.