Julio Gómez-Pomar reitera o compromiso de facilitar toda a documentación a xuíz e peritos do caso Alvia
O expresidente de Renfe e actual secretario de Estado de Infraestruturas, Transportes e Vivenda, Julio Gómez-Pomar, insistiu este luns no “compromiso” do Ministerio de Fomento de “proporcionar toda a información” requirida polas autoridades xudiciais na investigación do accidente do Alvia de Santiago de Compostela.
Durante un acto en Mos (Pontevedra) e a preguntas dos xornalistas sobre as críticas das vítimas do accidente, en relación co suposto sobrepeso no tren e outras denuncias, Gómez-Pomar limitouse a insistir no “compromiso” de Fomento de facilitar ao xuíz e aos peritos a “abundante documentación” para que “eles valoren”.
“Non temos outro desexo que o de colaboración”, repetiu, e sinalou que Fomento puxo a disposición da investigación xudicial todo o referido á planificación do trazado, certificacións de mantemento da liña e documentación sobre o tren, entre outros aspectos.
Finalmente, o secretario de Estado quixo expresar, “unha vez máis”, o “recoñecemento á dor” e o “afecto a todas as vítimas dese accidente”.











