Jesús Vázquez ve a remodelación da Xunta enfocada a que as familias empecen a gozar do crecemento
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, opinou este luns que a remodelación da Xunta evidencia un gabinete pensado para “tempos distintos dos que había antes” e enfocado a que “as familias empecen a gozar do crecemento”. Preguntado ao respecto, o rexedor e exconselleiro incidiu en que se trata dun “modelo de goberno totalmente diferente ao de hai seis anos”. “A nós tocounos vivir situacións que cambiaron”, apostilou, non sen considerar que supón unha “magnífica aposta” do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Ademais, destacou que os novos conselleiros son “persoas perfectamente coñecedoras dos diferentes ámbitos para os que foron designados”, aludindo así ao exalcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela, que asumirá o departamento de Política Social; a exrexedora de Melide (A Coruña) Ángeles Vázquez, que se encargará de Medio Rural; e o exprimer edil de Baiona (Pontevedra) Jesús Vázquez Almuiña, á fronte de Sanidade.
“Todos eles teñen experiencia tanto no ámbito político coma nas áreas que van xestionar”, resaltou o ourensano.
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, expresou o seu “respecto absoluto” á decisión do mandatario de modificar os seus conselleiros. “É unha competencia que lle corresponde ao presidente da Xunta e el tivo a ben darlle un novo impulso ao Goberno dentro das súas competencias”, resolveu.
Sobre que non haxa ningún ourensano entre os novos conselleiros, dixo que “non importa”. “Non é tanto se é ourensano, coruñés ou vigués, o que importa é a xestión”, resolveu.











