Investigadores da UVigo colaborarán coa Deputación de Pontevedra no Plan Compost
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, reuniuse hoxe con representantes da área de Edafoloxía da Universidade de Vigo para sentar as bases da colaboración entre a institución provincial e o departamento universitario na investigación sobre a aplicación do compost para mellorar os solos da provincia. Esta iniciativa de traballo conxunto enmárcase dentro do Plan Compost que desenvolverá a Deputación na provincia coa aplicación da compostaxe como sistema de tratamento do lixo orgánico nos diferentes concellos. O obxectivo da nova liña de colaboración é aproveitar os recursos, tanto provinciais coma universitarios, no proceso de implantación da compostaxe, estudando como melloran os diferentes tipos de solo e os seus usos coa utilización do compost como fertilizante.
“A idea é botar adiante un ambicioso proxecto de investigación e comprobar como se pecha o ciclo da materia orgánica: o que sae do solo volve ao solo. O compost fertiliza directamente as plantas e os seus beneficios pódense apreciar directamente nos vexetais, pero tamén indirectamente nos animais, que se alimentan do que sae do solo”, explicou César Mosquera, que manifestou a súa satisfacción polos resultados que poderán obterse no traballo de campo.
O compost que se obtén dos refugallos orgánicos domésticos (restos de comida e vexetais que se tiran ao lixo en toda a provincia) pódese empregar para mellorar e fortalecer o solo do céspede, dos arbustos, das árbores e do horto cunha calidade de asimilación superior á de sustancias químicas ou substratos de orixe descoñecida que se compran habitualmente para esa función. O compost vigoriza a terra e favorece a actividade da vida microbiana, evita a erosión e o lixiviado dos nutrientes e, en xeral, potencia e favorece toda a actividade biolóxica dos solos, o que é a mellor garantía para previr pragas e enfermidades nos vexetais.
As representantes da Universidade de Vigo xa están a traballar nestes momentos en varias liñas de investigación coa compostaxe como referencia: “Calidade e conservación do solo” e “Valorización de residuos orgánicos: biotransformación e aplicación en solos forestais e agrícolas”. A colaboración coa Deputación permitiralle á Universidade dispoñer de terreos de análise que lles faciliten aos alumnos de grao a realización de traballos de campo. Estes, a un tempo, serviranlle á Deputación para comprobar a efectividade e rendibilidade da utilización do compost resultante do tratamento do lixo na provincia en diferentes ámbitos.
No encontro de hoxe, considerado unha primeira toma de contacto, estiveron presentes o vicepresidente, César Mosquera; o asesor provincial en materia de residuos, Carlos Pérez; a concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente do Concello de Pontevedra, Carme da Silva; e as profesoras do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo Purificación Marcet Miramontes e Emma Fernández Covelo. Están programadas xa novas reunións co fin de afondar nos pormenores do traballo conxunto entre ambas as institucións.
A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo xa estableceran un acordo marco de colaboración no encontro mantido hai varias semanas entre a presidenta e o reitor.











