publicidade hoxe

Iniciativa Xove financiou 150 proxectos de participación xuvenil nos que se investiron 500.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+
Cecilia Vázquez en Curtis

Cecilia Vázquez en Curtis

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou esta mañá o Espazo Xove de Curtis, que acolleu o primeiro dos sete Encontros territoriais de xuventude, e onde sinalou que hoxe finalizou o prazo para a realización de actividades amparadas polo programa de participación xuvenil Iniciativa Xove. Vázquez destacou que este ano a Consellería de Política Social destinou a este programa de educación non formal un total de 500.000 euros, para financiar 150 proxectos nos que participan directamente máis de 750 mozos e mozas.

Iniciativa Xove forma parte das accións para renovar as políticas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que de accións baseadas no ocio e o tempo libre pasou a desenvolver programas pioneiros en todo o estado que se sustentan na utilización da educación non formal como método de adquisición de novas habilidades e competencias. Ao respecto deste programa, Vázquez explicou que dende a administración non se lle indica ao mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles piden propostas para despois apoialas co propósito de incentivar o liderado, a creatividade e o talento xuvenil. Poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas. A Xunta de Galicia financia o cen por cento dos proxectos presentados cun orzamento máximo por iniciativa de 4.000 euros, e todas as entidades e grupos os que se lles concede a axuda e o solicitan reciben un adianto do 80% sobre o total da cantidade outorgada.

O obxectivo dos Encontros territoriais de xuventude é facilitar a participación activa e o intercambio de experiencias e ideas dos profesionais da Rede galega de información xuvenil. Este ano vanse celebrar sete encontros, que terán lugar nos Espazos Xoves de Curtis, Noia, Carballo, Pontevedra e Ourense, e nas delegacións territoriais de Lugo e Vigo. Ademais, as temáticas sobre as que xiran este encontros son cinco: o programa de Garantía xuvenil, Correspondentes xuvenís, Educación non formal, Galeuropa e Iniciativa Xove.

Rede galega de información xuvenil

A Rede Galega de información xuvenil está composta por por 248 Oficinas Municipais de Información Xuvenil, 69 Puntos de Información Xuvenil e 12 Espazos Xoves dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, emprazadas en Betanzos, Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Chantada, Vilalba, Viveiro, Lalín, Tui, Vilagarcía e Ourense.

Por outra banda, hai que sinalar que os profesionais da Rede Galega de Información Xuvenil contan co certificado profesional de Informador Xuvenil. Neste sentido, Galicia foi pioneira en por en marcha tres procedementos de recoñecemento de competencias profesionais en información xuvenil a través da acreditación das súas competencias, adquiridas pola súa experiencia laboral e/ou pola formación obtida a través da educación non formal.

15 de outubro de 2015 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.