Ignacio López-Chaves tilda de magníficas as partidas do orzamento da Xunta para Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+
Rolda de prensa de López-Chaves

Rolda de prensa de López-Chaves

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, compareceu hoxe ante os medios de comunicación para realizar unha valoración dos Orzamentos da Xunta de Galicia para Vigo e a súa área metropolitana que cualificou de “magníficos”. “Cando tomei posesión coma delegado dixen que era un orgullo porque se trataba da Xunta que máis investimentos fixera na cidade nos últimos anos e estes investimentos confirman esa declaración”, considerou López-Chaves.

Segundo dixo, os investimentos que o Goberno autonómico inclúe no documento presentado onte no Parlamento de Galicia para a cidade de Vigo e zona de influencia contan con “partidas para os proxectos máis importantes da nosa cidade que xa son realidades”, sinalou facendo mención aos orzamentos para o Novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro ou a EDAR do Lagares ademais de “incluír novas partidas” para a Cidade da Xustiza, a estación intermodal ou para a ampliación do CEIP Rodríguez Castelao de Navia. Nestes tres casos, coma sinalou o delegado, poder executalas “depende da dispoñibilidade dos terreos por parte do Concello. Fai falla que acelere as xestións”, valorou.

Con respecto á Cidade da Xustiza, explicou que se a día de hoxe non está construída é pola falta de cesión da parcela por parte do Concello de Vigo. López-Chaves recordou que a Xunta leva esperando “6 anos e 16 días a que o Concello entregue o solar. Sen isto non se pode construír, polo que lle seguimos a reclamar a Caballero que sexa áxil”, dixo, incidindo no feito de que “nestes momentos a parcela segue a ser titularidade dos seus propietarios”. Neste senso, explicou que aínda tería que pasar ao Concello para cedela despois á Xunta de Galicia. “Esperemos que non tarden outros 6 anos e 16 días”, anhelou. De todos modos, quixo mandar unha mensaxe de tranquilidade á xudicatura viguesa garantindo que unha vez a Xunta teña dispoñibilidade do solar “se poderá entonces iniciar o proxecto de licitación das obras. Unha vez o teñamos, na ficha de investimento da Cidade da Xustiza hai 24 millóns de euros asignados, máis incluso do que estaba calculado nun inicio”.

No tocante á estación intermodal, o delegado destacou que a Xunta destina “a maior partida para calquera cidade de Galicia”. “A conselleira dixo que ía a ser a primeira cidade de Galicia que a tería e a partida asignada así o confirma”, explicando que os 1,3 millóns de euros destinados a este proxecto “amosan a vontade da Xunta para que Vigo sexa a primeira cidade de Galicia en ter a estación intermodal”. Neste senso, esperou que non suceda coma coa Cidade da Xustiza especificando que “hai unha obriga do Concello de ceder os terreos”, referíndose ás fichas do PXOM nas que se contemplaba, incluso, que a cesión e desenvolvemento do ámbito se fixese no ano 2012. “Descoñezo se o Concello iniciou todo o proceso pero que Vigo sexa a primeira cidade de Galicia en contar coa estación intermodal dependerá exclusivamente de que o Concello ceda os terreos”, considerou.

E no que respecta ao CEIP Rodríguez Castelao de Navia, a Xunta reserva máis de 390.000 euros para a súa ampliación. “Hai partida para amplialo e para iso fai falla que o Concello ceda os terreos”, insistiu López-Chaves sinalando que estamos ante a mesma situación que coa Cidade da Xustiza e a estación intermodal.

En definitiva, o delegado considerou que as partidas do Orzamento da Xunta “crecen considerablemente na cidade de Vigo” cifrando o dato en case 160 millóns de euros e mantendo a opinión de que “debemos de ser a cidade de Galicia que máis investimento percibe por habitante”. “É unha magnífica aposta pola cidade de Vigo e a súa área metropolitana”, valorou para rematar a súa intervención resumindo que se trata dun investimento “grande”; amosa o compromiso “con proxectos que se están a executar e novos proxectos para traer a cidade”; inclúe “proxectos de carácter metropolitano” e, por último, esperando que “o Concello colabore e non sexa obstáculo” para que se poidan executar.

Outras partidas importantes

López-Chaves non se esqueceu doutras importantes partidas que forman parte do Orzamento da Xunta e que, coma cualificou, “son fundamentais para a cidade”. Relatou aquí o investimento para a Plisan (máis de 10 millóns de euros) que considerou “un elemento determinante para o crecemento de Vigo e área e tamén para o futuro do Porto”, matizando que “facía falta un Porto Seco e a reactivación e aposta da Xunta pola Plisan é unha magnífica noticia. Vigo é unha cidade industrial e a aposta para seguir a ser sendo exemplo e modelo de cidade industrial en todo o noroeste de España así o confirma”.

Mencionou tamén o investimento para a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Lagares, con 8 millóns de euros; o Desdobramento do Corredor do Morrazo (17,9 millóns) “fundamental para o desenvolvemento das infraestruturas” metropolitanas; as partidas para a ampliación de Navia (2,8 millóns) ou coas políticas sociais e, en materia educativa, coa ampliación do IES de Teis (1,27 millóns) ademais do CEIP Rodríguez Castelao de Navia.

21 de outubro de 2015 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.