Goretti Sanmartín aposta por garantir a creación e o mantemento dos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos
A normalización lingüística será un dos eixos de actuación do novo goberno, en especial no apoio e promoción ao labor desenvolvido desde os concellos. Así o defendeu a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, na súa intervención nos XVII Encontros para a Normalización Lingüística en que presentou as medidas que impulsará o novo goberno en relación coa lingua.
No marco dos XVII Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega, a vicepresidenta Goretti Sanmartín explicou as liñas xerais de actuación do novo goberno da Deputación da Coruña en materia de lingua nunha mesa redonda que compartiu co coordinador das xornadas, Xaime Subiela e o responsábel da área da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal.
Defendeu Goretti Sanmartín a necesidade de recuperar o papel central da Deputación da Coruña na creación, no reforzo e no mantemento dos Servizos de Normalización Lingüística xa que, segundo sinalou, “o máis valioso para o proxecto normalizador é o factor humano”. Na súa intervención, destacou que en 2011 dos 69 concellos galegos con Servizo de Normalización Lingüística, 47 correspondían á provincia da Coruña mais puxo tamén sobre a mesa que dos 600.000 € que o organismo destinaba á promoción da lingua nese ano acabou por pasarse aos 179.000 do orzamento de 2015, situación que que quere reverter nos vindeiros exercicios.
Nese sentido, Goretti Sanmartín presentou as principais liñas de actuación do novo goberno da Deputación que responden á consideración da importancia da administración local na normalización lingüística, como axente normalizador de primeiro grao. O incremento de recursos humanos e de orzamento serán dúas das medidas a curto prazo que se materializarán xa no vindeiro exercicio económico da Deputación xunto con outras iniciativas como os programas de dinamización sociolingüística coordinadamente cos concellos.
A Deputación, como sinalou Goretti Sanmartín, aprobará unhas novas bases para subvencións aos concellos que pasen por garantir a creación, o reforzo e o mantemento dos Servizos de Normalización Lingüística a través de subvencións plurianuais “que estabilicen o servizo e dignifiquen o perfil laboral dos técnicos e técnicas de normalización”. Neste sentido, incrementarase o orzamento por concello e aumentará a partida xeral destinada a este fin para potenciar o labor de dinamización e posibilitar o reforzo dos servizos xa existentes.
Anunciou tamén Goretti Sanmartín a creación de subvencións a proxectos singulares de normalización lingüística, unha excepción que responde ao impulso que desde o novo goberno se imprimirá na política de normalización lingüística. Da mesma maneira, recuperarase o ámbito de iniciativas normalizadoras do Premio Rosalía de Castro e, de cara ao 2016 a conmemoración do centenario das Irmandades da Fala.
Canto ás medidas internas de promoción do uso da lingua no propio organismo, referiuse na súa intervención ao programa de formación do funcionariado para mellorar as actitudes e eliminar preconceptos para o que están en marcha tres cursos con tres edicións de cada un en distintos concellos. “Comunicación oral para a atención ao público en galego”, “Linguaxe inclusiva” e “Dinamización activa da lingua” son as propostas dos novos cursos do programa.











