González Formoso reúnese co presidente da Real Academia Galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
González Formoso con Alonso Montero

González Formoso con Alonso Montero

O titular da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá no seu despacho da institución provincial ao presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, nunha reunión na que tamén participou o secretario da entidade, Henrique Monteagudo.

Tras esta primeira reunión, que ambos cualificaron de “cordial e produtiva”, González Formoso destacou “longa traxectoria de colaboración” que dende hai moitos anos une a ambas entidades e o importante papel que xoga a Real Academia na promoción da cultura e a lingua galega, “uns fins cos que de a Deputación da Coruña coincide plenamente, polo que seguiremos a senda de colaboración que iniciamos hai anos”.

Pola súa banda, o presidente da institución académica, que o vindeiro ano cumprirá o seu 110 aniversario, agredeceu a recepción e asinou no Libro de Ouro da Deputación, onde expresou o seu desexo que o presidente González Formoso “acerte no seu labor social e cultural, acerto que redundará no prestixio da cultura que no país protagonizan, entre outros, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Castelao, Luís Seoane e Xaime Quintanilla”.

“Coa gratitude da Real Academia Galega pola atención e sensibilidade con que fomos recibidos, reciban señor presidente, señoras deputadas e señores deputados, un vello saúdo do país: Saudiña e cante o merlo!”, asinou Xesús Alonso Montero.

26 de outubro de 2015 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.