González Formoso móstrase disposto a colaborar con Ferrol en temas que contribúan á xeración de emprego
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá no seu despacho da institución provincial ao alcalde de Ferrol, Jorge Suárez e á concelleira de Benestar Social da cidade naval, Beatriz Sestayo. A reunión, que se prolongou por espazo de case dúas horas desenvolveuse nun ambiente de cordialidade e boa sintonía entre as dúas administracións.
Concello e Deputación veñen de encarar unha nova etapa nas relacións institucionais co ánimo de traballar en beneficio da veciñanza dando resposta e solución no prazo mais breve posible a moitos asuntos que estaban sobre a mesa como a renovación do Consorcio provincial de bombeiros, actualmente fixado en 218.000 euros anuais que o Goberno local aspira a elevar, na posta en marcha de diversos plans de formación para o emprego e inclusión social, así como a inminente aprobación do Plan de obras e servizos e o Plan de acción social, que se levarán a Pleno do ente provincial este xoves, 8 de outubro.
González Formoso mostrouse disposto a “colaborar co Concello de Ferrol en calquera tema que contribúa á xeración de emprego e á dinamización económica da cidade”. Con respecto ao tema do convenio de colaboración en materia de intervención en emerxencias entre o Concello de Ferrol e o Consorcio, o presidente da Deputación comprometeuse a “estudar a proposta do Goberno municipal de Ferrol e a tratala no seo do Consorcio”.
O presidente da Deputación coruñesa adiantou que no Pleno do xoves, irán a debate os investimentos incluídos no Plan de obras e servizos (POS 2016) e do Plan de acción social (PAS- 2015) presentado recentemente pola institución provincial, dotados con 57 millóns de euros para o seu reparto entre os 93 concellos da provincia aplicando rigorosamente criterios obxectivos.
No caso concreto de Ferrol, o municipio percibirá 627.174,46 euros, dos que 265.343,04 euros corresponden ao POS e 361.831, 42 euros ao novo Plan de acción social (PAS)











