publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

González Formoso inicia en Oroso unha rolda de visitas ás empresas da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOroso
A-
A+
González Formoso en Oroso

González Formoso en Oroso

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, iniciou onte en Oroso unha rolda de visitas ás empresas da provincia coa que pretende “coñecer directamente o tecido empresarial da nosa provincia e as nosas capacidades e potencialidades industriais e empresariais e ver cómo a Deputación pode pór o seu gran de area para axudar aos nosos sectores produtivos na recuperación económica e a xeración de emprego”. É a primeira vez que un presidente da Deputación da Coruña fai unha rolda destas características.

Acompañado polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, o deputado responsable da área de Economía da Deputación, Antonio Leira, e por varios membros do goberno local orosino, González Formoso visitou as plantas que Vegalsa-Eroski e Gamesa teñen no polígono industrial de Sigüeiro.

En Vegalsa, a comitiva foi recibida polo director de Loxística, Fernando Casal, e a directora de Relacións Institucionais da empresa, Gabriela González, que os acompañaron nun percorrido polos 32.000 metros cadrados cos que que conta a súa plataforma loxística, dotada dos sistemas de xestión e loxística máis modernos da distribución alimentaria.

“O compromiso de Vegalsa-Eroski con Oroso tradúcese na nosa contribución á xeración de emprego e riqueza na comarca. Dende a compañía sumámonos ao impulso do Concello instalando a maior plataforma de mercancías xerais que existe na actualidade en Galicia e que supuxo un importante impulso á economía da zona coa creación de 270 postos de traballo especializados”, afirmou o director de Loxística da compañía, Fernando Casal.

Pola súa banda, González Formoso agradeceu aos directivos “a oportunidade de coñecer por dentro unha das industrias punteiras da distribución de alimentación a nivel nacional” e lembrou que A Coruña é a cuarta provincia de todo o territorio nacional neste sector.

Ademáis da importante xeración de postos de traballo directos e indirectos que xera a compañía na comarca, o presidente provincial destacou tamén “a perfecta organización” da planta, que recibe, clasifica e distribúe máis de 4.000 palés de mercancías cada día para surtir 270 establecementos propios e franquiciados en Galicia, Asturias e Castela-León baixo as marcas comerciais Eroski Center e Eroski City, Familia e Aliprox.

“É un motivo de orgullo para a provincia dispor de plantas como ésta”, afirmou González Formoso ao remate da visita a Vegalsa-Eroski, que da emprego en Galicia a máis de 5.100 persoas e cuxa facturación na nosa comunidade ronda os 1.000 millóns de euros.

A maior planta de reparación de multiplicadoras do mundo

Aproveitando a súa visita a Oroso, o presidente da Deputación e o alcalde visitaron tamén a planta de Gamesa no polígono de Sigüeiro, dedicada ao reacondicionamento de grandes componentes das turbinas eólicas, en concreto aos trens de potencia dos aeroxeneradores, tamén chamados “multiplicadoras”.

O xerente da planta, Rubén Carranza, explicou á comitiva a labor que se desenvolve nesta empresa, que da traballo a máis de 60 persoas e que está considerada como o maior centro de reparación de multiplicadoras do mundo, con máis de 1.500 reparacións efectuadas con éxito nos últimos catro anos.

Carranza explicou a historia da implantación da empresa en Sigüeiro e a súa progresiva especialización na reparación destas pezas, ás que definiu como “o corazón do aeroxenerador”. Unha actividade cunha gran complexidade técnica, ao tratarse de máquinas de hasta 40 toneladas de peso con “precisións de reloxería” de entre 3 e 4 micras (inferior á de un cabelo humano) nas súas engranaxes.

A comitiva visitou despois as naves onde se desenvolven estes traballos que requiren un minucioso traballo de montaxe no que se emprega unha media de dez semanas por máquina.

O presidente da Deputación destacou o gran traballo que desenvolve a planta e súa “capacidade de reinventarse e especializarse para orientar o seu nicho de negocio na reparación destas pezas principais dos aeroxeneradores nunha comunidade como Galicia, a cuarta en produción de enerxía eólica, que conta con 4.018 aeroxeneradores en 158 parques e produce 3.314 MW de potencia”.

O 70% deses aeroxenaradores instalados en Galicia son de Gamesa, unha empresa con 21 anos de experiencia e 33.000MW instalados que consolidan a esta firma española como un dos líderes tecnolóxicos globais da industria eólica, con presenza en 54 países.

Ao remate das visitas, o alcalde Manuel Mirás declarouse “satifeito e impresionado polo gran nivel que teñen as empresas implantadas en Oroso, que son unha importante fonte de emprego para os vecinos e recpercuten moi positivamente no crecemento do municipio” e salientou a “implicación e colaboración” de moitas destas firmas na vida sociocultural da localidade, patrocinando ou colaborando na organización de actividades culturais e eventos deportivos.

16 de outubro de 2015 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.