Ghastas Pista Swing presenta o seu “Enxebre Swing Festival” en Casa Videira
A cita será o próximo 25 de outubro ás 12h. Contará coa actuación de David Regueiro Trío e un grupo de lindy hoppers (bailaríns de swing), que amenizarán unha sesión vermú en Casa Videira, unha antiga casa de labranza que actualmente é unha casa de turismo rural a uns minutos a pé do centro de Bueu.
Vai menos dun ano, a Asociación Cultural Ghasta Pista Swing nacía coa premisa de “levar a música e o baile swing ata o derradeiro recuncho de Galicia”, e dende logo, pola zona do Morrazo estanse aplicando na búsqueda de lugares pouco comúns nos que botar uns bailes a ritmo de swing. Xa organizaron un Cocido Swing en Casa María (Meiro), un Papeo & Pinchada Swing en O Chinchorro e Augamar (Aldán) e agora están a organizar todo un festival en Casa Videira (Bueu), que presentarán o próximo 25 de outubro en sesión vermú, amenizado por David Regueiro Trío.
O festival “Enxebre Swing Festival” que se vai celebrar en abril do vindeiro ano pretende xuntar a escena dos bailes swing que están a pegar forte por Europa e Estados Unidos, co turismo rural e sostible das Rías Baixas. Esta fórmula pretende atraer ao Morrazo a amantes do swing tanto de Galicia coma doutras ciudades españolas e portuguesas.
Esta festa de presentación é unha mostra de todo o potencial que ten o espazo Casa Videira pra albergar un evento de música e bailes swing, que ademáis de ser un espazo acolledor e con moito encanto, ten a versatilidade de poder organizar o evento o aire libre ou, en caso de choiva ou mal tempo, nunha carpa que se pode transformar nunha gran pista de baile ao máis puro estilo dos anos 30.
A banda, formada por David Regueiro (guitarra), Juyma Estévez (contrabaixo) e Sarunas Pupelis (clarinete/saxo), xa tocaron en numerosas ocasións pra bailaríns swing, e están a preparar un repertorio moi especial pra que todo o que queira gaste pista, chova ou vaia sol.











