Francisco Conde inicia unha viaxe con centros tecnolóxicos e clústers galegos para coñecer os avances de multinacionais xermanas cara á industria 4.0

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A Xunta analizará durante os próximos dous días en Alemaña, xunto a centros tecnolóxicos e clústers galegos, os avances levados a cabo por tres multinacionais de referencia cara á Industria 4.0. A delegación galega estará liderada polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, ao que acompañarán representantes da alianza de centros tecnolóxicos Atiga, dos centros Gradiant, CTAG, Anfaco, Aimen, ITG e EnergyLab; ademais de membros dos clústers da automoción (Ceaga) e do sector TIC.

O desprazamento enmárcase dentro da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 posta en marcha pola Xunta, que prevé que os centros tecnolóxicos e os clústers actúen como pancas para trasladar as novas tecnoloxías fabrís ás pemes galegas. Neste senso, a comitiva galega comezará a súa viaxe o martes visitando a central da compañía Miele, situada en Guterslöh, no estado federado de Renania do Norte-Westfalia.

O mércores, a delegación galega achegarase en Munich ás instalacións doutras dúas multinacionais que están a ser unha referencia dentro do impulso á Industria 4.0 levado a cabo polo Goberno alemán. Trátase en concreto de Siemens e de BMW, que teñen sede na capital bávara. A comitiva visitará ás instalacións de ambas compañías, e reunirase con representantes de máximo nivel dos departamentos de procesos, con obxecto de comprobar a implementación das novas tecnoloxías da fábrica intelixente á cadea de produción.

Búscase desta maneira xerar unha transferencia de información e poñer a primeira pedra dunha rede de contactos que facilite aos clústers e centros tecnolóxicos galegos os seus esforzos cara o desenvolvemento de tecnoloxías industriais galegas de referencia, que sosteñan a implantación da fábrica intelixente na comunidade. Ese é precisamente o obxectivo da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que ten entre os seus obxectivos que o peso da industria no PIB galego chegue ao 20% en 2020, creando nese camiño 50.000 novos empregos.

Alemaña é o país máis avanzado na implantación das tecnoloxías relacionadas coa Industria 4.0. De feito, o 85% das industrias alemás terán adoptada a fábrica intelixente no ano 2020, unha transformación que suporía unha mellora dos beneficios do 12,5% de media nas empresas, chegando nalgúns sectores a superar o 20%; un 18% de mellora da eficiencia; e unha redución de custos dun 14%.

26 de outubro de 2015 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.