publicidade hoxe

Francisco Conde inaugura a nova fábrica da empresa mosense Panelfa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Conde na visita a Panelfa

Conde na visita a Panelfa

Hoxe celebrouse en Mos a inauguración das novas intalacións da fábrica de Panelfa S.L., sitas na Avenida de Peinador. O acto contou coa asistencia do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde López, o alcalde P.D. de Mos, Alberto Méndez Lago, o presidente do Grupo Empresarial Regenasa-Panelfa, Salvador González Rodríguez, o delegado territorial da Xunta de Galicia, Ignacio López-Chaves, o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Óscar Soto Abadín, a concelleira de Urbanismo e Medioambiente, Julia Loureiro Campo, o presidente da Comunidade de Montes de Torroso, Camilo Grandal, e demais membros do equipo de goberno local.

A nova fábrica de Panelfa conta cunha maior capacidade de producción para toda a súa gama de productos incorporando novos procesos tecnológicos.

Panelfa S.L. é unha empresa especializada na fabricación e subministro de sistemas interiores navais termo acústicos e produtos para a construcción civil tales como paneis termo acústicos resistentes ó lume, paneis para zonas húmidas e reforzadas, sistemas de teito modular, portas con resistencia ó lume, chans flotantes. 

Panelfa ten obtido as normas ISO 9001:2000, 14001:2004 e OSHAS 18001:2007. A facturación de Panelfa en 2014 ascendeu a 4,6 millóns de euros, partindo dunha progresión ascendente dende o ano 2005 con 1,9 millóns de euros de facturación e tendo acadado o pico máximo en 2009 acadando os 5,3 millóns de euros. 

Por outra banda Panelfa logrou no pasado ano 2014 as máximas cifras da súa historia na liña de producción. Produciu 122.105 metros cadrados de paneis, 26.545 metros cadrados de teitos e 33.095 metros cadrados de chan flotante. En 2014 produciron tamén 5.512 unidades de portas, 1.341 unidades máis que en 2013. 

Os representantes municipais presentes no acto en xeral e o alcalde en funcións en particular destacaron “o orgullo e a importancia de contar dentro das fronteiras da nosa localidade con empresas da envergadura de Panelfa, que aportan crecemento comercial ó Concello, así como contribúen notablemente á loita contra o desemprego local, pois teñen unha importante plantilla de traballadores e colaboran activamente nas políticas municipais de emprego promovidas e desenvolvidas dende a administración local”. 

Méndez, rexedor local en funcións, destacou o día de hoxe como “unha data significativa para a industria e o crecemento empresarial mosenses”. Tamén lle agradeceu ó conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, o apoio ó tecido industrial mosense e ás súas empresas integrantes. E engadiu un agradecemento especial para Salvador González, presidente do grupo empresarial, pola inversión realizada en Mos e o esforzo levado a cabo a prol da creación de novos postos de traballo que repercutan positivamente no descenso do índice de desemprego na localidade mosense.

Conde agradeceulle a Panelfa o seu esforzo empresarial que calificou como “todo un exemplo de traballo colectivo” e destacou o “interese da factoría por ser competitivos e desenvolver a súa vocación internacional”, que se vai intensificando progresivamente. Aludiu tamén ós clientes de Panelfa, entre os que se atopa moi arraigado o tecido industrial galego; “feito moi importante para que se poidan fomentar cadenas de valores”, declarou o conselleiro. Para rematar, Francisco Conde eloxiou tamén as inversións no ámbito da innovación realizadas pola empresa Panelfa.

Pola súa banda Salvador González, presidente de Regenasa, agradeceulle á Xunta de Galicia as axudas concedidas polo IGAPE para poder facer realidade esta ampliación empresarial e de infraestruturas de Panelfa e á Comunidade de Montes de Torroso a colaboración á hora de ceder os terreos nos que se atopan ubicados as novas instalacións. González informou de que a día de hoxe a empresa conta cunha superficie de 18.000 metros cadrados e que en 2017 preténdense inaugurar dúas naves máis coas que ampliar as instalacións e expandir negocio.

Convenio coa Comunidade de Montes de Torroso

O ano pasado produciuse a sinatura dun convenio de colaboración entre a Comunidade de Montes de Torroso e o Grupo Empresarial Regenasa-Panelfa, polo cal este último pasaba a ocupar unhas instalacións titularidade dos 270 comuneiros da parroquia de Torroso.

Mediante a sinatura deste convenio estableuse unha relación contractual entre ambas entidades, pola cal a Comunidade de Montes de Torroso cédelle por un período de 30 anos (que é o tempo máximo autorizado pola lexislación vixente) ó grupo Regenasa unha parcela de 13.000 metros cadrados máis as instalacións que nela se atopan, consistentes na antiga nave de Granitos Ibéricos, cunha superficie total de 2.800 metros cadrados.

A obra de restauración da citada nave contou cunha inversión dun millón de euros.

O alcalde mosense en funcións, Alberto Méndez, asegurou hoxe sentirse “orgulloso e satisfeito de que Panelfa estea a ocupar a antiga nave de Granitos Ibéricos, que se atopaba nunha situación ruinosa e moi precaria”. Ademais o rexedor local manifestou a súa ledicia ante o feito de que con esta sexan dúas as empresas do grupo Regenasa asentadas en Mos, xa que Panelfa atópase tamén ocupando unha parcela de titularidade municipal. Por outra banda Méndez agradeceu tamén o compromiso para co municipio mosense dos comuneiros da Comunidade de Montes de Torroso, “sempre sensibilizados e entregados ó ben común dos veciños e veciñas de Mos”, dixo. Ademais Alberto Méndez valorou moi positivamente o volume e crecemento empresariais do municipio mosense, que se consolida como o cuarto da provincia en canto a tecido industrial.     

Pola súa banda o presidente da Comunidade de Montes de Torroso, Camilo Grandal, destacou que “os comuneiros levabamos anos tratando de resolver a situación desta nave e agora, gracias á importante colaboración do Concello de Mos e, por suposto, de Regenasa, a solución é por fin un feito”. Cómpre destacar que o convenio de colaboración coa empresa foi aprobado nunha Asamblea da Comunidade de Montes por ampla maioría.

30 de outubro de 2015 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.