Francisco Conde destaca a Unidade Mixta de EnergyLab e Gas Natural Fenosa como exemplo de cooperación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Francisco Conde en EnergyLab

Francisco Conde en EnergyLab

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que o laboratorio da Unidade Mixta de Innovación impulsada por EnergyLab e Gas Natural Fenosa supón un “exemplo de cooperación” que aspirar a “situar a Galicia á vangarda da innovación enerxética”.

No transcurso do acto, no que tamén participaron Luis Díaz López, presidente do centro tecnolóxico, Blanca Losada Martín, directora de Tecnoloxía e Enxeñería de Gas Natural Fenosa, e Manuel Varela, director da Axencia Galega de Innovación, Conde salientou que a iniciativa, na que participa tamén a Axencia, permitirá crear emprego estable e de calidade, sumando un grupo de 11 investigadores que desenvolverá en Galicia un proxecto de alto impacto e intensivo en coñecemento, con capacidade para achegar ao mercado os seus avances e os resultados dunha liña centrada na mobilidade sostible.

“O obxectivo final é fomentar a utilización do gas natural e o biometano como combustible no ámbito da mobilidade agraria e marítima”, incidiu o titular de Economía, Emprego e Industria, quen explicou o impacto real que pode chegar a ter esta iniciativa, “non só desde o punto de vista económico, senón tamén na procura dunha Galicia máis sostible”. Así, apuntou, a implantación do gas natural nas flotas pesqueira e de tractores permitirían evitar a emisión de preto de 200.000 toneladas anuais de CO2.

Estas cifras, proseguiu Conde, falan da importancia dun proxecto con capacidade para promover unha economía baixa en carbono, “na liña doutras apostas estratéxicas que estamos a impulsar en Galicia”. Baixo este prisma, lembrou, a Comunidade está a traballar no aproveitamento das posibilidades que ofrece este mercado, prestando especial atención gas natural licuado e á súa vinculación coa mobilidade.

“As oportunidades que se presentan ante nós fálannos da importancia de proxectos como o desta Unidade Mixta”, subliñou Conde. Unha iniciativa na que, segundo incidiu, a cooperación público-privada permitirá avanzar na procura de atopar “novas solucións na innovación enerxética galega, abrindo as portas a un futuro máis eficiente”.

30 de outubro de 2015 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.