Francisco Conde destaca a Unidade Mixta Copo-Aimen como exemplo innovador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Francisco Conde na visita ás instalacións en Mos

Francisco Conde na visita ás instalacións en Mos

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a Unidade Mixta de Innovación que están a desenvolver Aimén e o Grupo Copo como un exemplo innovador na procura de novos materiais e da diversificación da industria auxiliar da automoción. “Este compromiso innovador se plasma nesta colaboración, na que participa tamén a Axencia Galega de Innovación, e que amosa a vontade de traballar conxuntamente: a empresa establecendo as súas necesidades para desenvolver un produto competitivo, e o centro tecnolóxico achegando o seu coñecemento”, incidiu.

Así, e no transcurso da visita ás instalacións do Centro Tecnolóxico de Copo – CETEC na que estivo acompañado polo presidente de AIMEN, Fernando Vázquez, e polo conselleiro delegado do Grupo, José Antonio Rodríguez, Conde salientou que o proxecto suma un orzamento conxunto de 2,5 millóns. Unha cifra que permitirá desenvolver materiais espumados que, entre outras vantaxes, reducirán o peso dos vehículos, acadando tamén melloras nos tempos ao diminuír os procesos asociados á súa fabricación.

“Trátase, polo tanto, dunha innovación aberta que xorde dunha colaboración que vai permitir dar respostas ás necesidades do Grupo Copo a través do coñecemento da tecnoloxía láser de Aimén”, salientou o conselleiro.

Neste marco, o proxecto aspira a ter, a medio e longo prazo, aplicabilidade noutros mercados como a aeronáutica, o naval, o ferrocarril ou a construción. Deste xeito, e xunto á diversificación do sector e da súa industria de compoñentes, a iniciativa contribuirá ao impulso de novas tecnoloxías de fabricación, que son ferramentas para a fábrica do futuro, en liña coa Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0.

Conde salientou que a iniciativa enmárcase na aposta decidida pola innovación que está a seguir o sector da automoción. Un compromiso que, segundo incidiu, ten permitido desenvolver 6 Unidades Mixtas relacionados coa industria automobilística, do total de 19 que se están a impulsar en Galicia. Todos estes proxectos, salientou, Conde, están a mobilizar 70 millóns xerando máis de 250 empregos cualificados.

9 de outubro de 2015 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.