Ferreiro: “Se fai falla gastar cartos en promoción turística debe facerse de forma coordinada entre os tres aeroportos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou esta tarde en Madrid na reunión do Comité Aeroportuario Galego celebrado no Ministerio de Fomento, unha xuntanza na que tamén estiveron presentes os rexedores de Santiago e de Vigo. Na mesma, o primeiro edil coruñés avogou pola coordinación: “Se fai falla gastar os cartos dos contribuíntes en políticas de promoción para atraer máis voos e máis conexión non hai outro xeito que facelo de forma común e coordinada”. Ferreiro insistiu na necesidade de que as tres terminais, e polo tanto os tres municipios directamente implicados (ademais doutros actores, como concellos limítrofes e deputacións) “camiñen da man” .“Non podemos poñernos a gastar cartos dos veciños e veciñas en promocionar voos, en ocasións con baixa ocupación. Non podemos subvencionar a compañías, que o único que fan é beneficiarse de guerras localistas”, sinalou. “Na reunión de hoxe, creo que houbo coincidencia de criterios entre o Concello de Coruña, o de Santiago, o Ministerio de Fomento e, esperemos que, tamén, con Vigo”, indicou ao termo da reunión.

Por outro lado, o alcalde coruñés insistiu no papel que debe xogar a Xunta de Galicia como ente que axude á coordinación dos tres aeroportos. “Se queremos ter unha política aeroportuaria real en Galicia debe ser conxunta, polo que pedimo ao Goberno galego que asuma o papel de liderar e coordinar. Pedímoslle que recolle ese guante, tal e como fixo o Ministerio”, indicou. “Se non o fai, creo que os concellos estamos dispostos a seguir a traballar en común”, aseverou. O rexedor coruñés indicou que, se ben as políticas portuarias deben ser coordinadas, “cada un debe defender a súa postura con total tranquilidade”. “Cremos, por exemplo, que o aeroporto da Coruña ten un papel importante tamén na conexión internacional, polo que entendemos que unha estratexia de rede que coloque a unhas terminais como nacionais e a outras como internacionais non é boa. Dígoo onde faga falla, con todo o cariño pero tamén con toda a responsabilidade”, expuxo.

Nese sentido, o rexedor coruñés defendeu o papel de Alvedro na interconexión internacional e apostou por manter os enlaces cos hubs internacionais, a través de Heathrow, Lisboa e un terceiro. “Temos que avanzar algo máis, se é París ten que ser De Gaulle, porque se non, non vale para moito; e, se non, haberá que mirar outros”, avanzou, despois de apostar polo mantemento dos destinos nacionais cos que xa conta o aeroporto coruñés e por aumentar as frecuencias, en especial con Barcelona, pero tamén con Valencia e Bilbao.

Preguntado pola especialización de Alvedro na pasaxe de negocios, Ferreiro avogou por potenciar as fortalezas de cada terminal: “Cada un ten que traballar as súas estratexias. A fortaleza da Coruña é o tráfico de negocios, e non imos desbotar o turismo, porque tamén entra turismo polo aeroporto, pero se temos unha fortaleza, potenciémola e engadámoslle outros ingredientes”, propuxo.

29 de outubro de 2015 | 20:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.