Ferreiro saúda o feito “de que Fomento recoñeza que o proxecto do Concello para humanizar A Vedra é viable”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, saudou o feito de que o Ministerio de Fomento recoñeza que o proxecto para humanización da Avenida da Vedra presentado polo Goberno municipal “é viable”. “Así parece que o entenden os propios técnicos do departamento de Ana Pastor”, explicou o rexedor, que adiantou que en breve se producirá unha nova reunión entre estes e os técnicos do Concello coruñés. “A falta de fixar a data, o que se trata é de seguir traballando na viabilidade do proxecto que lles presentamos e que pivota sobre a idea de que Alfonso Molina non se transforme nunha autovía, senón nun barrio máis integrado na cidade”, recordou.

Por outro lado, o primeiro edil coruñés cualificou hoxe de “boa noticia” o anuncio de luz verde á ampliación da Ponte da Pasaxe, á vez que demandou “colaboración” á hora de abordar o deseño deste proxecto dende o Ministerio. “Entendemos que non só se trata de ampliar carrís de automóvil, xa que hai outras actuacións destinadas a outras formas de mobilidade que se poden implantar inmediatamente, como é o caso de aumentar o espazo para os peóns ou o carril bici”, apuntou o rexedor, que tamén recordou que “hai que pensar no futuro, e a isto me refiro ao cercanías, ou á intermodal”.

Preguntado polos medios sobre a posibilidade de modificar a fórmula horaria dos Plenos municipais, Ferreiro manifestou que “con este tema, como cos demais, pasará o que todos e todas queiramos que pase”. “Por parte de todas as formacións locais parecía existir unha diagnose compartida de que os Plenos están a ser moito máis longos que no anterior mandato, sobre todo porque todas as mocións son debatidas, cousa que antes non pasaba”, destacou.

“Os Plenos son pola tarde, duran máis horas e, ademais, existe un impedimento legal polo que a intervención dos veciños e veciñas no Escano Cidadán ten que ser ao final. A diagnose que compartiamos é que esta non era a mellor solución nin para a cidadanía, nin para a prensa. Por iso, nunha xunta de portavoces abordouse este tema e acordouse explorar solucións”, explicou. “Onte trasladouse aos grupos, na Comisión de Participación, a posibilidade de reformular o horario dos Plenos. A oposición, simplemente, polo de agora dixo que non, aínda que non presentou ninguna alternativa”, relatou Ferreiro, que comentou que o Goberno local seguirá traballando para trata de atopar unha solución que beneficie á veciñanza. “Temos que chegar a un acordo que sexa bo para a cidadanía”, resolveu.

Protocolo activado

Con respecto á posible aparición dun caso de Ébola (a persoa que podería estar infectada xa foi trasladada do CHUAC ao Meixoeiro, en Vigo), o alcalde informou de que esta mesma mañá se puxo en contacto co xerente do hospital público coruñés que lle informou da activación do protocolo de seguridade pautado para estes casos. “O que está coordinando toda esta situación, porque así lle corresponde, é o CHUAC. O Concello está a súa disposición ante calquera necesidade. Confiamos no traballo que están a facer os traballadores públicos e nos poñemos a súa disposición”, asegurou Ferreiro.

28 de outubro de 2015 | 20:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.