Ferreiro presenta o EIDUS, o documento que definirá a estratexia de cidade a longo prazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentaron na mañá deste mércores a Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible, EIDUS, un documento que, como o describiu o rexedor, “define a estratexia de cidade a longo prazo”, un traballo iniciado en anteriores mandatos e que agora o Goberno local “reconfigura” de acordo coa súa propia estratexia. “Falamos do modelo de cidade do que nos queremos dotar, un modelo que ten que ser compartido, e a partir do cal imos poder deseñar as diferentes políticas públicas encamiñadas a alcanzar ou a cumprir con él e traballar co resto de administracións públicas para orientar e coordinar actuacións”, definiuno Ferreiro, quen explicou que se trata dun mecanismo para que A Coruña “poida converterse nunha cidade verdadeiramente sustentable, integradora, que participe dun modelo de economía social en beneficio da maioría da poboación e, en especial, dos sectores máis vulnerables”. “O EIDUS é unha estratexia que marca ese modelo de cidade”, resumiu.

“É, ao final, unha folla de ruta, que nos vai marcar o camiño”, coincidiu a concelleira de Participación e Innovación Democrática, quen sinalou que o documento é “fundamental para acceder ao financiamento da Unión Europea para entidades locais ata 2020”. Tal e como destacou Delso, a estratexia definida polo Goberno local incorpora ademais a transversalidade nas súas liñas estratéxicas, “que se corresponden ademais coas novas prioridades da Unión Europea, que está pedindo ás cidades que coordinemos o traballo”.

Segundo subliñou o alcalde durante a presentación, o proxecto permitirá, por un lado, executar proxectos susceptibles de seren financiados con fondos europeos, para o cal a estratexia deberá enmarcarse nas directrices e elementos que a Unión Europea marca no horizonte 2020. Pero tamén, o documento define un Plan Municipal “que contempla a economía social, o compromiso ambiental, a xustiza social, e a xustiza de xénero e dos coidados, a adaptación ao cambio climático, a igualdade e inclusión social, ou a participación cidadá como un dos elementos claves desta estratexia e a articulación en redes de cooperación e colaboración”. Ferreiro salientou que a proposta servirá tamén para “coordinar as actuacións das diferentes administracións no seo da cidade”.

Tal e como avanzou a concelleira de Participación, que é, como indicou Ferreiro, a encargada de coordinar sobre o terreo a acción neste deseño da estratexia urbana, o proxecto poñerase a próxima semana a exposición pública a través dunha ferramenta online, coa que a cidadanía poderá validar e priorizar as distintas dimensións e conceptos nos que está organizado o documento, e facer as propostas que considere. Ademais, entre os días 3 e 13 de novembro, desenvolveranse oito encontros con distintas entidades e organizacións da cidade, nos que se explicará o documento e e se dará a posibilidade de completalo con achegas. “Isto, coas achegas dos grupos políticos, configurará as dimensións estratéxicas e os obxectivos finais, que a Unión Europea nos pide”, apuntou Delso, quen mantivo hoxe mesmo unha reunión cos grupos da oposición para abordar este proxecto, a segunda, indicou durante o acto de presentación.

28 de outubro de 2015 | 20:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.