Ferreiro: “Hai políticos que só se acordan da xente cando hai eleccións”

O alcalde da Coruña na inauguración do curso
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, ofreceu esta tarde a conferencia inaugural do curso 20152016 da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña, no que destacou “a necesidade que ten a clase política tradicional de rachar as barreiras que sempre levantou con respecto á xente do común”, algo que está directamente enfrontado coas liñas básicas do actual Goberno municipal. No evento, o rexedor incidiu no compromiso que deben ter aquelas persoas que se adican á gobernanza “para non negar a realidade como fan aqueles que responden por plasma e que só se acordan da xente cando hai eleccións”.
“ Só desde esa vella visión da política se poden entender frases como algunha escoitada moi recentemente, na que desde a maior instancia do Goberno central se dicía: ‘Se ha superado la crisis sin que nadie haya quedado por el camino’ . Pero a realidade é que milleiros de mozos e mozas que tiveron que emigrar ou exiliarse por motivos económicos, persoas que perderon o seu traballo e nunca o puideron recuperar; e hai outras cuxa calidade de vida atópase terriblemente danada pola caída dos salarios ou as carencias dos servizos sociais”, indicou.
Así, na súa intervención na Asociación de Amas de Casa, Ferreiro recordou o compromiso que o actual Goberno municipal ten coa cidadanía. “Asumimos e temos a responsabilidade, a pesar de todas as limitacións existentes, de liderar unha profunda renovación das formas de goberno, que alcance tamén as formas de relacionarnos como sociedade e poña en marcha os alicerces dun novo modelo de cidade”, comentou.
Ferreiro repasou as principais medidas impulsadas polo Goberno local dende a súa chegada a María Pita, e que van “desde a Renda Social Municipal para apoiar as persoas en risco de exclusión social, aos procesos de participación cidadá, a aposta pola igualdade entre home e muller, a revitalización dos barrios e os centros cívicos ou a posta en marcha dun código ético, as ordenanzas fiscais nas que estamos traballando e nas que esperamos chegar a un acordo co PSOE, así como de cláusulas sociais nos contratos municipais”. “Este Goberno imprimiu en pouco tempo un novo estilo en María Pita, e aínda está comenzado o seu traballo, pensando no ben do común e mirando cara ao futuro, un futuro a escribir entre todos e todas”, rematou.











