Ferreiro confía en alcanzar en breve un acordo bilateral co PSOE para as ordenanzas fiscais
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, amosou esta mañá e tras diversas conversas nos últimos días a súa “confianza” na posibilidade de “alcanzar un acordo bilateral co PSOE para aprobar as ordenanzas fiscais”, dadas as que considera “importantes coincidencias entre as propostas do grupo de Goberno e do socialista”. “Agardo que as negociacións fructifiquen nun inminente entendemento a dúas bandas”, engadiu.
“O grupo do Goberno local e grupo municipal socialista están en disposición numérica e política de aprobar unhas novas ordenanzas e nós traballaremos nese sentido”, afirmou Ferreiro, que cre que ambas partes defenden posturas como a de establecer “criterios de igualdade, xustiza social, progresividade e defensa ambiental, con aumento das bonificacións para persoas e familias cos menores niveis de renda así como medidas de estímulo para a actividade económica e o emprego”. “Por parte do Goberno existe disposición e esperamos chegar a ese acordo axiña co PSOE”, finalizou o alcalde, que se fixa tamén no horizonte dos Orzamentos de 2016, que desexa que “supoñan un novo fito neste Concello”.











