Feijóo sobre a moción da Deputación de Lugo: “É unha decisión moi rancia de políticas vellas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, censurou a moción de censura que apartou á popular Elena Candia da presidencia da Deputación de Lugo grazas aos votos de PSdeG e BNG, convencido de que é “unha decisión moi rancia de políticas vellas” que a sociedade, ademais, “nin entende nin comparte”.

Os 11 deputados do PSdeG e os dous de BNG votaron este mediodía a favor da moción de censura que aparta do goberno da Deputación de Lugo ao PP, transcorridos máis de tres meses dende que o pasado xuño os socialistas perdesen a presidencia desta institución porque un dos seus deputados desobedeceu a disciplina de grupo.

Naquela ocasión, o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, negouse a votar a un candidato socialista alternativo a el, posto que o BNG vetaba o seu nome para a presidencia por estar imputado. Por conseguinte, o PP, que conta con 12 deputados na corporación provincial, reconquistou entón esta institución tras ser presidida oito anos polo socialista José Ramón Gómez Besteiro.

Tras o Consello da Xunta, Feijóo contrapuxo a remodelación do seu Executivo, “cun estilo e unha forma”, con este cambio de goberno na Deputación que, ao seu xuízo, “engarza nos principios máis rancios da política”. E é que -argumentou- é “evidente” que “non hai ningunha razón”, senón intereses “persoais e ocultos” que “pouco a pouco” coñecerán os galegos.

“Tombar un goberno que gaña as eleccións e facelo antes de que transcorran os cen primeiros días é unha decisión moi rancia de políticas vellas que a sociedade nin entende nin comparte”, sentenciou, para engadir que, se ademais “non hai ningunha razón” e os “intereses” que están detrás “son ocultos e de loitas internas de partido”, dáse unha situación que “non merece” ningunha institución.

Así, advertiu que a Deputación de Lugo “non merece” servir para resolver “un problema interno dun partido”. “Non o merece porque o partido que gañou as eleccións estaba a gobernar con normalidade”, esgrimiu.

DISTINTAS SITUACIÓNS

Feijóo diferenciou a moción de censura da Deputación lucense da que se rexistrou en xullo en Boimorto (A Coruña) e que apartou do goberno local ao BNG. “Non creo que sexa rancio que goberne o partido que gaña as eleccións”, defendeu o presidente, para remarcar, liña seguida, que nesta localidade coruñesa o PP “gañou” os comicios municipais.

Dito isto, admitiu como “posible” que “en determinadas formulacións ideolóxicas” se considere “rancio” que goberne o que “gaña”, aínda que en Europa “é o lóxico”. “Na Deputación de Lugo non gañou as eleccións”, contrapuxo.

En canto á decisión do PP de dar a Alcaldía de Miño (A Coruña) cos seus votos ao único edil de CxG na localidade, sinalou que “convén” e “neste momento se están a reconsiderar” os pactos que permitiron un goberno “tan inestable” tan só “cun alcalde”.

USO PARTIDISTA DE FONDOS

Sobre a decisión de Elena Candia de conceder subvencións a varios concellos -a práctica totalidade do PP- a 48 horas de ser apartada do seu cargo e se el faría algo similar en funcións, o presidente replicou que “o 60 por cento dos municipios de Lugo son do PP”.

Engadiu Feijóo que no pasado mandato o PP tiña o 64 por cento dos concellos lucenses e, co socialista José Ramón Gómez Besteiro á fronte da Deputación, solo correspondeulles “o 6 por cento” dos convenios directos. Na mesma etapa, constatou que 55 de 67 concellos populares quedaron “excluídos” do seu plan de emprego.

“Non creo que a Deputación anterior poida dar ningún exemplo de gobernar para todos. Veremos esta”, resolveu.

8 de outubro de 2015 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.