ExpoBE&C 2015 abre as súas portas con máis de 70 empresas do sector nupcial
Mañá, sábado 17 de outubro, comeza no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, ExpoBE&C 2015. Trátase do primeiro Salón Nupcial da tempada e un dos máis importante dos que se celebran en Galicia por volume de expositores. Na capital galega chégase este ano á sétima edición con case un 20% máis de empresas participantes que o pasado ano.
A partir das 11 da mañá e até as oito da tarde (en horario ininterrompido) 76 casetas das principais marcas de moda nupcial, estética, barbarías, hostalaría, fotografía e vídeo, pastelaría, música… presentarán as súas novidades e promocións. Todas as parellas que preparen o seu enlace terán a posibilidade de organizar integramente a celebración en só dous días.
En ExpoBE&C encontrarán todos os servizos que necesitan e algunha que outra sorpresa, xa que todos os anos este Salón Nupcial presenta os servizos máis orixinais e rompedores para sorprender aos invitados de calquera voda. Entre as novidades deste ano está un servizo de coctelería acrobática que fará exhibicións ao longo da xornada, un carriño de xeados e un mago que interactuará e animará aos visitantes.
Ademais, ao coincidir co inicio da tempada outono/inverno, o Salón servirá de escaparate para que as marcas de moda nupcial, madriña e festa presenten as súas novas coleccións. As futuras noivas poderán aproveitar para botar unha ollada ás novas tendencias, buscar os deseños que mellor se adapten ao seu estilo e mesmo comprar xa o seu vestido.
Todos os expositores ofrecerán importantes descontos e agasallos ás parellas que contraten os seus produtos ou servizos en ExpoBE&C.
Entradas
Como todos os anos, para asistir a ExpoBE&C non se necesitará invitación. Toda persoa interesada poderá comprar a súa entrada (por 4 euros) en despacho de billetes calquera dos días de celebración do Salón, así como descargarse cupóns de desconto do 50% en www.guiaparanovios.com.
Ademais, as persoas que asistan ao Salón de Santiago e conserven o resgardo da súa entrada, poderán acceder aExpoBE&C Coruña sen volver pagar. O Salón da cidade Herculina, que concentrará a outras 100 empresas do sector, celebrarase unha semana despois (24 e 25 de outubro) en Palexco.
Coa entrada, ademais de visitar todas as casetas, poderán participar en sorteos de bonos de até 500 euros para gastar en calquera das empresas expositoras.
Custo medio dos enlaces
Despois de varios anos de descenso, os últimos datos sobre número de matrimonios e custo dos enlaces sinala unha pequena recuperación no sector. En 2014 o número de vodas creceu un 1,3% en España e un 2,6% en Galicia, pasando de 8.573 enlaces en 2013 a 8.799 en 2014.
O custo medio das vodas tamén experimentou un incremento. Segundo os datos do FUCI, para unha voda de 100 invitados, o gasto medio é de 16.534 euros a nivel nacional e de 16.320 euros en Galicia. Isto supón un incremento de máis do 31% respecto de 2013 en España e de case o 35% en Galicia, que é a novena comunidade española na que máis se inviste.
O banquete segue sendo o principal gasto, xa que supón máis da metade do desembolso, cun custo, segundo o restaurante e o menú, que oscila entre 7.500 e 10.000 euros. A este gasto hai que engadirlle a música e a barra libre, que son uns 790 euros de media.
Outra importante partida destínase aos traxes dos noivos. O delas leva entre 525 e 1.650 euros, máis outros 350-700 euros para zapatos, complementos, maquillaxe, peiteado e ramo. Isto fai que a noiva salga de casa cara á cerimonia cun gasto medio de 1.605 euros.
O traxe do noivo, pola súa banda, oscila entre 375 e 780 euros, pero se se decice por un traxe dalgunha gran firma, o orzamento pode superar os 1.200 euros. Pódese optar por alugar un chaqué, con chaleco e gravata pode custar uns 90 euros.
As flores e a reportaxe de fotos levan entre 200-300 euros e 900-1.500 euros respectivamente, mentres que para as invitacións resérvanse uns 200 euros e para os detalles uns 450. Aínda así, coa crise, cada vez son máis as parellas que optan polas invitacións dixitais ou por facelas eles mesmos.
A música para a cerimonia e o baile suma entre 200 e 400 euros máis, unha cifra que sobe a 600-1.000 euros se se contrata unha orquestra.
Por último, a viaxe de noivos é a segunda partida na que os noivos gastan máis diñeiro. O seu custo varía en función do destino e duración elixidos, pero o mínimo sitúase nuns 1.150 euros por parella.











