Ethel Vázquez avanza a mobilización de 3 millóns de euros en obras de restauración en 175 vivendas da ARI de Ourense

Ethel Vázquez en Ourense
Ethel Vázquez avanza a mobilización de preto de 3 millóns de euros en obras de restauración en 175 vivendas das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) de Ourense. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda visitou hoxe a nova ARI de Ourense, que inclúe os barrios de Serra de San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada.
Vázquez explicou que estes 175 inmobles disporán dunha partida de máis dun millón de euros en axudas da Xunta para obras de rehabilitación e concretou que na nova área supervisada hoxe prevese actuar sobre 15 vivendas e levar a cabo distintos traballos de urbanización, aos que se achegarán case 90.000 euros.
Ethel Vázquez manifestou que esta nova ARI foi declarada recentemente, o pasado 15 de setembro, e vén sumarse ás outras tres áreas xa existentes na cidade, que eran Casco histórico; núcleo de Seixalbo e Polvorín; Camelias e Carballeira.
A conselleira subliñou que onte o Consello da Xunta autorizou a sinatura dos acordos –entre Goberno galego, Ministerio de Fomento e Concellos- que permitirán rehabilitar as vivendas situadas en 54 ARIS galegas; entre as que se atopan, precisamente, as 4 ARIS da cidade de Ourense. Estes acordos permitirán investir 28,5 millóns de euros en 1.661 vivendas situadas en 54 áreas de rehabilitación integral de 38 concellos galegos.
Os convenios subvencionarán actuacións de rehabilitación executadas polos propietarios das vivendas emprazadas nas áreas de rehabilitación, así como obras de urbanización e reurbanización realizadas polos concellos.
A responsable de Vivenda indicou que esta medida englóbase nas actuacións que se están levando a cabo na Xunta para facilitar o acceso á vivenda aos cidadáns galegos e na aposta pola conservación e recuperación do xa construído, impulsando a rehabilitación.
Vázquez salientou que a Xunta pretende que Galicia siga sendo un referente de rehabilitación no conxunto do estado, por iso esta é unha liña prioritaria da súa política de vivenda. Neste sentido, concretou que este obxectivo vai polo bo camiño, xa que a comunidade conta con 66 ARIS en 40 concellos diferentes ás que se suma a área de rehabilitación dos Camiños de Santiago, que transcorre por 107 concellos das catro provincias.
Desde a súa creación, ao abeiro das ARIS, xa se teñen rehabilitado máis de 11.300 vivendas en Galicia –máis de -850 neste Concello de Ourense-; o que supuxo a mobilización de máis de 190 millóns de euros en toda a comunidade.











