Espazos Sonoros chega ao Museo Massó cun concerto e unha andaina pola vila

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O vindeiro sábado 24 de outubro chega a Bueu Espazos Sonoros, unha iniciativa que busca levar a música por diferentes lugares de interese cultural, e que combinará unha andaina e un concerto no Museo Massó a cargo de Óscar Fernández (zanfona) e Carlos Quintana (acordeón diatónico). Ámbolos dous músicos reinterpretarán música do cancioneiro instrumental galego a través dun repertorio de muiñeiras, xotas, valses, mazurcas, polcas e foxtrots, e cancións tradicionais maiñeiras.

O espazo escollido para este concerto, o Museo Massó, ademais de estar intimamente ligado coas industrias e a cultura do mar que inspiran o concerto, tamén responde ao interese que ten a presenza na colección do Museo, dunha zanfona, probablemente do século XIX, que pertenceu á familia dos Massó. Sobre as zanfonas históricas galegas falará como introdución ao concerto, o investigador e xornalista Pablo Quintanta.

Esta actividade complementarase cunha andaina pola vila, na que se percorrerán diferentes lugares de interese vinculados tanto coa familia Massó como co artista Urbano Lugrís. O programa comezará ás 12 horas cunha xuntanza na entrada do Massó, e a  subida a pé ata a capela dos Santos Reis. Ás 14 horas celebrarase un xantar conxunto no adro da capela, e ás 16.30  a volta ao museo e a visita monográfica ‘Urbano Lugrís no Massó, e viceversa’. Para rematar a xornada, ás 19 horas o dúo Fdez. e Quintá ofrecerá un concerto, precedido dunha breve charla sobre a zanfona.

A entrada ao concerto é libre ata completar aforo. Pero para participar na andaina é preciso realizar inscrición previa no teléfono 986 324 338 ou no correo turismo@concellodebueu.org. Hai prazas limitadas e o prazo de inscrición esténdese ata o xoves 22 de outubro ás 13 horas.

16 de outubro de 2015 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.