Entréganse os certificados do proxecto de inserción laboral mediante a cerámica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A deputada Ánxela Franco asistiu ao acto de entrega dos certificados de asistencia ao proxecto de reinserción laboral mediante a artesanía cerámica organizado pola Asociación Pro-enfermos mentais da Coruña (APEM) e financiados pola Deputación da Coruña.

A deputada de Benestar Social, Educación e Politicas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco, fixo entrega dos certificado de asistencia a vinte persoas participantes no proxecto de inserción laboral mediante artesanía cerámica. O acto foi na sede que a asociación APEM ten preto de Santa María de Oza na cidade da Coruña.

A seguir, a deputada, acompañada da presidenta da entidade, Vitoria Pérez Amieiro, realizou unha visita ao taller onde se desenvolven os cursos.

A asociación Pro enfermos mentais da Coruña ( APEM) naceu o 16 de xaneiro de 1980 como unha entidade cidadá, sen ánimo de lucro, que integra a persoas con enfermidade mental, familiares e profesionais da saúde mental e que ten como principal obxectivo a calidade de vida das persoas con enfermidade mental.

A deputada Ánxela Franco destacou o importantísimo traballo que está a realizar a entidade na loita para acadar unha mellora na asistencia psiquiátrica na súas tres vertentes: preventiva, curativa e rehabilitadora e comprometeuse a seguir colaborando nos proxectos que xa veñen contando con financiamento da institución e abrindo novas vías de colaboración desde a área de Benestar.

30 de outubro de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.