Elena Candia ve con indignación a conformación do goberno da Deputación de Lugo
A voceiro do PP na Deputación provincial e ata hai pouco presidenta do ente, Elena Candia, observou con “indignación” a conformación do goberno da institución e reclamou transparencia na conformación dos seus acordos aos socios de goberno, PSdeG e BNG, que acaban de despoxarlle as rendas do executivo. “¡Abonda xa dese espectáculo esperpéntico e abonda xa de contar mentiras!”, manifestou.
En rolda de prensa tras coñecerse o goberno provincial, arroupada por nove dos doce deputados provinciais do PP, a dirixente popular censurou “tanta mentira e tanto escurantismo” na conformación do goberno provincial.
“Unha vez que coñecemos quen forma parte da xunta de goberno e tamén qué persoas van a liderar cada área, PSOE e BNG reparten o poder na deputación en función dos seus intereses persoais e dunhas prebendas que non coñece a cidadanía, nin o partido que gañou as eleccións e ao que nós representamos”, remarcou Elena Candia, despois de que o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, quedase fóra do executivo local e da xunta de goberno.
Candia considerou que o novo goberno vai ter que explicar “cáles son esas negociacións que seguen ocultas”, pero tamén van ter que explicar por que uns imputados poden formar parte da xunta de goberno e outros nin tan siquiera forman parte do goberno”.
Concretamente, a presidenta provincial quere coñecer por que o BNG acepta que entren no goberno a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o alcalde de Pol, Lino Rodríguez — este mesmo formando parte da xunta de goberno, e non así ao alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, que quedou fóra da nova configuración do executivo provincial.
Foi precisamente este alcalde o que favoreceu a investidura de Candia o 24 de xuño, ao votarse a si mesmo e logo en branco, desoíndo as consignas do PSdeG que ese día xa apoiara ao agora presidente e alcalde da Pontenova, Darío Campos.
“ESPECTÁCULO LAMENTABLE”
“PSOE e BNG seguen dando exemplo dun espectáculo lamentable, que o único que fai é danar a imaxe e a reputación dunha institución. E o que é máis grave, pospón de forma indefinido darlle resposta aos problemas que teñen os veciños da nosa provincia e forman un goberno que entendemos inestable”, recriminou.
Candia, en nome do seu grupo, dixo que “en primeiro lugar” se dirixía ao BNG. “Gustaríanos que lle explicasen á cidadanía por que lle valen dous alcaldes que están imputados (Viveiro e Pol) que van formar parte do goberno, mesmo un deles forma parte da xunta de goberno, (Pol), e por que outros non (Martínez)”, sinalou.
“Cremos que deben dar unha serie de explicacións aos lucenses, porque o BNG dixo que non quería imputados no goberno, logo dixo que non os quería na xunta de goberno e agora quere a uns si e a outros non”, citou.
Para Candia, está “claro que o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, que en Lugo o dixo ben claro indicando que o Bloque non ía compartir goberno con imputados, agora queda desautorizado na provincia”.
Nun principio os nacionalistas só vetaron a Martínez, pero hai unhas semanas Vence dicía na cidade amurallada que era “obvio” que non formarían parte dun goberno onde se incluísen políticos imputados. No caso do PSOE, á marxe de Martínez, atópanse nesta situación a rexedora de Viveiro, María Loureiro, e o alcalde de Pol, Lino Rodríguez. “Ao final se que os acepta e vai compartir goberno con imputados”, evidenciou.
ACLARACIÓNS AO PSOE
Da mesma forma, Candia demandou aclaracións ao presidente Darío Campos, “que a semana pasada en repetidas ocasións dixo que todos os deputados ían ter responsabilidades de goberno”. “Agora, unha vez máis e co pouco tempo que leva á fronte da institución, tendo en conta que tivo tempo máis que considerable para formar goberno, parte deles quedan fóra”, constatou.
“Ao mellor detrás de todo iso escóndense os seus pactos encubertos, pero como non os coñecemos e, como as incoherencias son evidentes, ademais de preguntar ao BNG polo seu código ético, tamén procede preguntarlle ao presidente da Deputación por que agora non conta con algúns membros no goberno ou que pacto ten con esa xente que queda fóra”, resaltou.
Finalmente, acusou socialistas e nacionalistas de estar nestes tres meses, en que ela foi presidenta provincial, “tomándoos o pelo aos veciños da provincia”.
“Non deixamos máis que estar con certa indignación de tanta mentira, de tanto escurantismo”, insistiu, antes de concluír pedindo o que leva pedindo durante tres meses e medio: “Que deixen de usar a institución provincial como moeda de cambio ou para reconciliarse cos seus ou como instrumento de pactos encubertos.
“¡Que actúen con transparencia. Abonda xa deste espectáculo esperpéntico e abonda xa de contarnos mentiras para chegar a esta situación que como mínimo nos permite cualificalos como un goberno inestable, ilexítimo e fundamentado en pactos ocultos”, sentenciou.











