publicidade hoxe

Economía, Emprego e Industria organiza na Estrada e Lalín charlas informativas sobre o Programa de Garantía Xuvenil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLalín
A-
A+

O programa de Garantía Xuvenil, que coordina a Consellería de Economía, Emprego e Industria, continúa mañá na Estrada e Lalín a rolda de charlas informativas que percorrerán máis de medio cento de concellos galegos. Estas xornadas están destinadas a informar a mozos e mozas de entre 16 e 29 anos que actualmente non estean traballando nin recibindo educación ou formación das posibilidades que lles achega esta iniciativa. Ás 11 da mañá comezará a sesión na aula CeMIT da Estrada (Centro Multiusos. Avenida Benito Vigo, 94), e ás 13 horas, a charla será en Lalín (Auditorio Municipal. Rúa do Parque, s/n).

As sesións continuarán esta mesma semana en Padrón e Valga (xoves) e Vedra e Oroso (venres). Ao mesmo tempo, a aula móbil do programa continúa a súa xira por Galicia. Estará ata o mércores 28 na Coruña (explanada de Riazor), e do xoves 29 ao sábado 31 en Ferrol (Praza do Inferniño). A aula contará coa presenza continua de técnicos de emprego e estará aberta de 12 da mañá a 8 da tarde.

O obxectivo do Programa de Garantía Xuvenil é que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados.

Para acadar este fin, o programa de Garantía Xuvenil vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación (servizo de orientación e información laboral); mellora da empregabilidade (obradoiros de emprego, prácticas non laborais en empresas); estímulos á contratación (bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil) e fomento do emprendemento (axudas á creación de empresas propias e cooperativas). Este plan de Garantía Xuvenil está cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89%.

Para máis información, pódese visitar o sitio web do programa de Garantía Xuvenil (garantiaxuvenil.xunta.es), así como os perfís habilitados en Facebook e Twitter.

27 de outubro de 2015 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.