Economía, Emprego e Industria achega aos emprendedores da Coruña as axudas para crear novas empresas
A Consellería de Economía, Emprego e Industria achegou hoxe aos emprendedores coruñeses os servizos e as axudas para a creación e consolidación de novas empresas, así como exemplos de éxito, no marco da xornada Galicia Emprende que se desenvolveu na sede da Fundación Barrié, organizada conxuntamente polo Igape e a Escuela de Organización Industrial.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Unidade Galicia Emprende, pon a disposición dos emprendedores que buscan crear un novo proxecto, e dos novos empresarios que buscan consolidar as súas empresas, un completo abano de servizos e apoios, xunto con instrumentos como a Rede Galega de Mentores, con empresarios expertos dispostos a compartir, de xeito altruísta, a súa experiencia en xestión con novos emprendedores.
Mantéñense igualmente activados variados instrumentos de apoio para financiar proxectos emprendedores, especialmente os de carácter innovador. Así, os emprendedores teñen dispoñibles préstamos bonificados, fondos de capital risco da Xunta como o Galicia Iniciativas Emprendedoras, XesInnova e i2C; a Rede galega de investidores particulares, preparada para facilitar a confluencia de recursos públicos e privados; ou a liña de préstamos directos Igape-Jeremie.
O obxectivo da xornada Galicia Emprende, organizada conxuntamente pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escuela de Organización Industrial (EOI), é precisamente promover a creación de novas empresas e achegar aos emprendedores coruñeses os servizos e as axudas existentes para apoiar a posta en marcha ou a consolidación das mesmas.
Os participantes neste encontro arredor do emprendemento tiveron a oportunidade de recibir asesoramento de expertos sobre aspectos relevantes na xestión empresarial como o márketing, o financiamento, a estratexia ou a internacionacionalización. Os asistentes tamén tiveron a oportunidade de gravar en vídeo sínteses dos seus proxectos que se difundirán a través das redes sociais e que lles poderán servir para darse a coñecer ou para acadar financiamento.
Na xornada Galicia Emprende, cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), houbo ademais un coloquio que contou coa presenza de representantes de experiencias emprendedoras de éxito como Prometal Tecnología e Innovación, Cen Palabras, Desarrolla Obras y Servicios e Isbilya.
A xornada Galicia Emprende na Coruña forma parte dun ciclo de encontros arredor do emprendemento que se celebraron xa en Ourense e Lugo. En datas próximas, o próximo día 16, haberá outra xornada Galicia Emprende en Vigo, para rematar cun Foro de Emprendemento que se desenvolverá en Santiago de Compostela o 30 de outubro.











