Economía e Industria destaca a compra pública innovadora como oportunidade para poñer en valor o coñecemento xerado na Universidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, destacou hoxe a oportunidade que a compra pública innovadora supón para as universidades no marco da súa necesaria colaboración coa empresa. No marco das Xornadas de Xerencia Universitaria celebradas na Coruña, explicou que o traballo conxunto co tecido produtivo para aplicar coñecemento novo á mellora dos servizos públicos é unha vía de transferencia de resultados de investigación con moito percorrido para as universidades.

Varela lembrou que a compra pública innovadora está recollida na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) como unha fórmula prioritaria, polo triplo beneficio que supón: a introdución de innovacións na Administración que melloran a prestación dos servizos públicos; o incentivo para a empresa que supón a primeira venda do seu novo produto e a oportunidade de demostrar na práctica que ese produto funciona, abrindo a porta á súa comercialización no mercado internacional.

Durante a xornada, organizada pola Universidade da Coruña a iniciativa da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), o director da Gain lembrou o papel pioneiro de Galicia no ámbito da compra pública innovadora en toda España. Subliñou o fito que supuxeron as iniciativas Hospital 2050 e Innova-Saúde do Sergas, casos de éxito que foron premiados a nivel estatal e recoñecidos pola Unión Europea, e destacou a actual aposta de Economía e Industria polo uso desta fórmula para a posta en marcha do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados configurado en torno ao Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas, en Lugo. Neste senso, apuntou que a Xunta dedicará 45 millóns á compra pública innovadora destas tecnoloxías aplicadas á mellora de servizos públicos estratéxicos para Galicia.

“As universidades deben explotar esta vía de transferencia de coñecemento canalizando ao tecido empresarial solucións que permitan mellorar os servizos públicos”, asegurou Varela, que lembrou que os investigadores contan con instrumentos de apoio á posta en valor dos seus resultados na Axencia Galega de Innovación. Segundo a súa análise, este marco de oportunidade aberto pola Xunta para as universidades galegas refórzase co compromiso do Estado de incrementar significativamente os fondos destinados á compra pública innovadora en Galicia ata 2020.

2 de outubro de 2015 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.