publicidade hoxe

Dous institutos galegos quedan finalistas do premio “Escuelas para la Sociedad Digital”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaLocal PortadaMoaña
A-
A+

Fundación Telefónica seleccionou os proxectos educativos Barxilón no mar de Latón, do IES As Barxas (Moaña) e Unha educación para o S. XXI, do CPI O Cruce (Cerceda), entre os 12 finalistas do Premio Escuelas para la Sociedad Digital 2015, que distingue aos centros educativos máis innovadores de toda España, e ao que concorreron máis de cento cincuenta iniciativas.

Barxilón no mar de latón (link á presentación do proxecto https://www.youtube.com/watch?v=v83T6FuBcko) é un libro ilustrado en cuxa elaboración participaron 150 alumnos de 3º e 4º da ESO do CEIP A Rúa (Cangas), do CEIP Espiñeira (Aldán), do IES Sánchez Cantón (Pontevedra) e do IES Xulián Magariños (Negreira), ademais do IES As Barxas. Os estudantes traballaron conxuntamente en todas as etapas do proxecto editorial, desde a selección dos textos, a produción, a ilustración ou a maquetación, até a difusión e distribución. Pola súa banda, Unha educación para o S. XXI (link á presentación do proxecto https://youtu.be/P9ILkTSIYn0), propón un cambio na estratexia lectiva do centro, enfocándoa a fomentar as competencias dixitais do alumnado, a internacionalización e a súa integración no mundo laboral mediante a incorporación do TIC, o fomento da innovación e a avaliación continua do alumnado e da actividade dos docentes.

Como finalistas, ambos os proxectos recibirán unha contía de 1.000 euros cada un e entrarán nunha nova fase de avaliación que lles permitirá optar ao primeiro e segundo premio do concurso, de 9.000 e 4.000 euros respectivamente, outorgados en cada unha das 3 categorías que contempla: colexios públicos de Educación Infantil e Primaria; IES Públicos, centros de Formación Profesional e Educación de Persoas Adultas e colexios concertados e privados. Os premios deberán investirse na mellora e fortalecemento dos proxectos presentados.

Así, e tras conseguir esta primeira clasificación, o IES As Barxas e o CPI O Cruce deberán presentar os seus proxectos ante unha Comisión de Expertos no denominado Encontro de Estudo e Avaliación (EEE), que terá o vindeiro sábado 21 de novembro en Valencia, e no que se decidirá o gañador do primeiro e segundo premio na categoría de IES Públicos – celebraranse 3 EEE, un por cada categoría, e en diferentes cidades durante o mes de novembro-.

O fallo dos premios darase a coñecer no mes de decembro e en febreiro terá lugar a cerimonia de entrega que se desenvolverá en Madrid, no caso dos premios de Infantil e Primaria, e en Barcelona para os galardóns de Secundaria, Bacharelato, Formación de Adultos e FP.

Comisión de Avaliación

A valoración dos proxectos realízaa unha Comisión de Avaliación composta por expertos do sector educativo e representantes de Fundación Telefónica.

Ao Premio Escuelas para la Sociedad optaron centros educativos de toda España que lograron integrar a innovación dixital na aula co obxectivo de mellorar os procesos de ensino e aprendizaxe. Para iso, contouse coa participación de 114 profesionais da educación, de recoñecido prestixio, encargados de avaliar e seleccionar as mellores prácticas pedagóxicas en España.

5 de outubro de 2015 | 12:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.