Dispositivo especial de tráfico no Paseo Marítimo pola carreira Coruña10

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña porá en marcha o vindeiro domingo, 11 de outubro, un dispositivo especial de tráfico con motivo da celebración da IX Carreira Popular Coruña10. As e os atletas populares percorrerán, desde as 10.30 h até as 11.45 horas, 10.000 metros polo Paseo Marítimo da enseada do Orzán, achegándose dun extremo a outro nas rotondas do Millenium e Torre de Hércules, con saída na Avenida da Habana e meta na de Buenos Aires.

Desde as 7.45 horas do domingo, cortarase o tráfico en distintos puntos do Paseo Marítimo. Os primeiros tramos sen circulación serán o situado fronte o pavillón de Deportes, até as 14.30 horas, e Manuel Murguía desde o Paseo Marítimo até Almirante Lángara, que se abrirá ao tráfico a partir das 13.30 horas. A proba comezará ás 10.30 horas da mañá na Avenida da Habana, e o tráfico liberarase no circuíto do Paseo co paso dos corredores, agás nas zonas mencionadas. A conexión do Paseo de Ronda coa Avenida Calvo Sotelo (Alfredo Vicenti), a través da Avenida da Habana, cortarase de 10.15 h. a 10.40 h pola saída da proba. Durante toda a celebración da carreira, as glorietas do Millenium e da Torre de Hércules permanecerán pechadas ao tráfico.

Para facilitar o tráfico, e polo peche da glorieta da Torre de Hércules, abrirase o paso de Irmáns da Lejía a Avenida de Navarra, e manterase a conexión da rúa Sol coa rúa Hospital para permitir o paso do autobús urbano.

Modificacións das liñas de autobús No momento de concentración dos corredores na Avenida da Habana, as liñas 3, 3A e 7 non poderán circular pola devandita avenida, Alfredo Vicenti e Praza de Pontevedra. Farano por Ronda de Nelle, glorieta con Vila de Negreira, Paseo das Pontes e Praza de Pontevedra, onde as liñas 3 e 7 incorporaranse ao seu itinerario habitual. Así mesmo, como o Paseo Marítimo estará cortado, a liña 3A, xunto coa 4, 6, 6A e 11 que habitualmente saen ao Paseo Marítimo pola rúa Alta, circularán por San Andrés até a rúa Sol, saíndo en Salesianos e continuando por rúa Hospital cara a Praza de España sen interferir co circuíto da proba. Desta maneira, as liñas que circulan polo Paseo Marítimo, a 3A e a 11, terán que facelo por rúa Hospital, Praza de España e Orillamar, continuando o 3A cara Adormideras e o 11 pola Avenida de Navarra e Ronda Monte Alto, recuperando o seu percorrido na glorieta da Avenida de Hércules As Lagoas.

A liña 3, en sentido de circulación de Adormideras cara a Praza de Pontevedra, ao non poder continuar polo Paseo Marítimo, regresará pola Avenida de Navarra, rúa Torre, Praza de España, Panaderas e San Andrés.

9 de outubro de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.