Digna Rivas participa nunha sesión do programa “Encaantados” da Deputación de Pontevedra
A deputada provincial responsable de Servizos Sociais, Digna Rivas, xunto co alcalde de Nigrán e tamén deputado provincial, Juan González, participou nunha sesión do programa “Encaantados”, da Deputación de Pontevedra, desenvolvida no Centro Castro Navás, en Priegue. Na actividade participaron unha ducia de integrantes da Fundación Menela.
A deputada de Servizos Sociais, Digna Rivas, quixo coñecer de primeira man o programa “Encantados”, no que Ron, un golden retriever, foi un dos grandes protagonistas da sesión. “Encaantados” é unha actuación impulsada desde os servizos sociais da Deputación de Pontevedra na que se realiza terapia asistida con mascotas, en concreto con cans. Os beneficiarios do programa son familias, usuarios e profesionais dos centros de atención á discapacidade da provincia de Pontevedra e a súa finalidade é favorecer a mellora das persoas nos ámbitos físico, mental, emocional, social e educativo.
Hoxe en día está recoñecido cientificamente que o trato continuo con animais pode achegar melloras non só no ámbito emocional das persoas senón no físico, mental, educativo e incluso motivacional, máxime cando se trata de persoas que sofren trastorno do espectro autista, como é o caso da sesión desenvolvida no Centro Castro Navás con integrantes da Fundación Menela.
A Fundación Menela, entidade de iniciativa social, sen ánimo de lucro e declarada benéfico-asistencial e de interese galego, ten como obxectivo a atención especializada a persoas con trastornos do espectro autista e ás súas familias desde os primeiros anos de vida ata a idade adulta.











