Dezanove sanitarios do Chuac están en illamento nos seus domicilios
Un total de 19 profesionais sanitarios que estiveron preto do paciente con posible caso de ébola atópanse en illamento nos seus domicilios, segundo sinalou a presidenta da xunta de persoal da área sanitaria da Coruña, María Seijo.
Seijo precisou que, deles, oito “están catalogados como de maior risco” por estar a menos de un metro do paciente. Sobre a súa situación, explicou que a indicación é que estean nas súas casas “e que limiten os contactos sociais e coa familia”. “É para evitar que entren en contacto con máis poboación”, explicou.
Mentres, sobre a reunión que mantiveron con responsables da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña e do Servizo de Medicina Preventina, dixo que se lles trasladou que o protocolo para casos deste tipo “se aplicou con rigorosidade”.
Non obstante, María Seijo púxoo “en corentena”. “Temos que confirmalo cos compañeiros afectados que interviñeron no coidado e a atención do paciente”, indicou.
“CAOS E CONFUSIÓN”
Así, volveu explicar que, segundo profesionais do servizo de Urxencias, “a conclusión é a contraria”. “Que houbo caos, confusión e unha aplicación dubidosa do protocolo”, incidiu.
Por outra banda, dixo que se utilizaron os traxes para casos de ébola “a partir da segunda intervención” e “non na primeira”, en relación ao primeiro momento en que se atendeu o paciente, un home natural de Guinea, á súa chegada a Urxencias na tarde deste martes.











