Deteñen en Vigo a un home e unha muller por quebrantamento de condena
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un home de 24 anos de idade, G.A.S.M., buscado pola Xustiza dende hai 3 anos, por un presunto quebrantamiento de condena, e por varias requisitorias xudiciais. Neste operativo, arrestouse a un muller de 39 anos de idade, C.S.M., sobre a que tamén pesaban ordes de busca dos xulgados.
Segundo informaron fontes do 092, o operativo de localización e arresto foi levado a cabo tras unha investigación do Equipo de Vixilancia e Apoio Policial (EVAP) que, entre outras funcións, controla o cumprimento das ordes de afastamento ditadas polos xulgados.
A Policía buscaba a G.A.S.M., por vulnerar unha orde de afastamento e porque tiña outras 10 ordes de detención e ingreso en prisión pendentes “atopándose fuxido da Xustiza dende hai 3 anos”.
Durante a investigación, a Policía Local descubriu que o rapaz se ocultaba no barrio do Calvario e, así mesmo, puido localizar a muller, que tiña varias requisitorias xudiciais, algunhas de ingreso en prisión.
Así, estableceuse un operativo especial, con efectivos do EVAP e dos Grupos Operativos de Apoio (GOA), un total de 17 axentes, para deter estas dúas persoas, sobre as 12.20 horas do xoves. Ambos os dous foron interceptados nun coche, nas inmediacións do Camiño Medeiros, cando trataban de darse á fuga ao decatarse da presenza policial.
Neste operativo tamén foi identificada unha terceira persoa, unha muller sobre a que había unha orde de indagación de domicilio e paradoiro, emitida por un xulgado de Vigo.











