publicidade hoxe

Desenvolvemento local prepara o mercado local de outono

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O último domingo deste mes, día 25, os xardíns municipais volverán acoller unha nova edición do mercado local. Unha cita que xa está consolidada como punto de encontro para o comercio de proximidade de toda a volta. Artesanía, artigos de segunda man e produtos da terra comporán un completo mosaico de oferta no que, seguramente, destaquen os froitos de temporada, como poden ser os cogomelos ou as castañas. Aínda queda tempo, pero aqueles postos que desexen instalarse xa poden empezar a solicitar espazo.

A dinámica será a de sempre. Haberá que cubrir o formulario dispoñible na web sansadurnino.es e despois entregalo no rexistro municipal, levalo á Casa da Cultura en horario de mañá, mandalo por correo ao Concello -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño- ben envialo cuberto á conta de correo agustin.perez@sansadurnino.gal. No formulario establécese que a data límite de solicitude é o 21 de outubro ás 14.00h. e que a listaxe de postos admitidos se publicará o venres 23, dous días antes do mercado.

Habitualmente non hai problemas de espazo, pero as normas de participación indican que os postos non deben exceder os 6 metros liñais. Os xardíns divídense en gremios: nos sendeiros superiores máis próximos á Casa Consistorial situaranse os postos de alimentación e produtos frescos. Avanzando cara abaixo atoparemos viveiros e artesanía e na banda leste -a que queda ao carón do muro da estrada de Ferreira- artesanía e segunda man compartirán case todos os sitios restantes.

O mercado comezará pouco despois das 9.30h. e finalizará sobre as 15.30h. Agárdase un alto número de inscricións na liña doutras citas, sobre todo desde o cambio de ubicación que se produciu vai facer agora un ano. A estrea dos xardíns como recinto do mercado reuniu en outubro de 2014 case un cento de expositores e foi un continuo ir e vir de xente -ata 400 visitantes contabilizados nalgún momento-, unha polo propio contorno e outra polo sol de verán que luciu aquel día.

Co tempo non se pode contar -haberá que cruzar os dedos-, pero o mercado xa pasou con ben por vicisitudes atmosféricas varias que non fixeron máis que confirmar que está asentado e que, se ben o número de postos non se incrementa, si o fai a súa distribución. E é que pouco a pouco vai notándose un repunte da comercialización agroalimentaria de calidade e da artesanía en comparanza coa segunda man que, malia seguir sendo abundante en oferta, diminuiu lixeiramente en número de postos.

Un cambio de tendencia moi leve de momento pero que vai na liña que se tenta impulsar desde o departamento de Desenvolvemento local, promocionando o medio rural a través desta e doutras actuacións como un lugar con moito potencial económico e de emprego en base á sustentabilidade e á proximidade co consumo.

8 de outubro de 2015 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.