Deputación da Coruña e COFER impulsan un plan de actividades para potenciar o tecido empresarial de Ferrolterra, Eume e Ortegal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O deputado responsable da área de Promoción Económica e Emprego da Deputación da Coruña, José Luis García, e o presidente da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), Cristóbal Dobarro Gómez, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para o financiamento dun plan de actividades destinadas a potenciar o tecido empresarial destas comarcas.

Segundo estipula o protocolo, a Deputación achegará 80.000 euros e COFER, que integra a 20 asociacións empresariais da zona, outros 20.000 € para promover o avance nos métodos e técnicas de xestión de empresas, ofrecer asesoramento especializado en cuestións como a creación de novas iniciativas empresariais, o autoemprego, o acceso a subvencións públicas para estas actividades, a internacionalización das empresas, etc.

A través deste convenio, COFER porá tamén a disposición de novas iniciativas empresariais a incubadora de empresas e o centro de negocios da entidade, para evitar que a falta dun espazo físico adecuado ou de recursos para mantelo sexa un obstáculo na posta en marcha de proxectos de emprendedores.

A formación será outro dos pilares da colaboración entre a Deputación e COFER para promover a dinamización económica das empresas da zona, mediante un programa de conferencias e actividades dirixidas a traballadores e directivos, que permitirá actualizar os seus coñecementos en cuestións como a área xurídico-laboral, as novas tecnoloxías, ou a prevención de riscos laborais, ademáis de programas eminentemente prácticos destinados a aquelas persoas que queran pór en marcha novos proxectos ou teñan empresas de recente creación.

A importancia da responsabilidade social corporativa, o fomento da integración laboral das persoas con discapacidades, a potenciación do turismo industrial ou a promoción turística da zona serán outros dos campos aos que se dirixen as numerosas accións que se encadran no programa.

“O obxectivo deste amplo conxunto de actividades é facilitar aos empresarios e emprendedores ferramentas e estratexias que lles axuden ao crecemento do seu negocio e que contribúan así ao desenvolvemento económico e á xeración de emprego na comarca”, afirmou José Luis García.

30 de outubro de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.