Deputación da Coruña e CEC colaborarán en actividades que contribúan á xeración de emprego e actividade económica na provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu no seu despacho da institución provincial ao presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, e aos membros do comité excecutivo da patroal.

Neta primeira reunión, os representantes dos empresarios coruñeses presentaron diversas accións e actividades desenvolvidas no ámbito provincial e, entre outras cuestións, solicitaron o apoio da institución provincial para programas de apoio á internacionalización de empresas e emprendedores.

O presidente da Deputación da Coruña afirmou que o apoio ás cuestións relacionadas co fomento do emprendemento e a promoción económica serán unha das “liñas estratéxicas” do Goberno provincial neste mandato e ofreceu a colaboración do ente provincial en accións e programas “que contribúan á xeración de emprego e actividade económica na provincia”. Pola súa banda, dende a CEC expresaron tamén a súa vontade de cooperación coa institución provincial en asuntos do interese do empresariado na provincia.

Rolda de visitas a empresas da provincia

Neste sentido, o presidente provincial inciou estes días unha rolda de visitas ás empresas da provincia para afondar no coñecemento das capacidades e potencialidades do tecido empresarial coruñés e ver como a Deputación “pode pór o seu gran de area para axudar aos nosos sectores produtivos na recuperación económica e a xeración de emprego”.

A rolda de visitas comezou hai uns días en Sigüeiro (Oroso) cunha visita ás plantas de Vegalsa-Eroski e Gamesa na localidade e terá continuidade nos vindeiros meses con empresas de todas as comarcas da provincia.

20 de outubro de 2015 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.