Darío Campos sostén que Martínez estará no goberno e rexeita imposicións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, sostivo este mércores que o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, entrará no goberno provincial, ao tempo que deixou claro que “ninguén pode impoñer” quen han de ser os deputados socialistas.

En declaracións aos medios á súa chegada ao Parlamento de Galicia para asistir ao último Debate sobre o Estado da Autonomía da lexislatura, Campos admitiu que as palabras do voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, sobre que non aceptaría a entrada no goberno provincial de imputados non le “sentaron ben”.

“Non me sentaron ben porque non era o que falaramos”, argumentou o socialista, quen admitiu que agora se está volvendo falar sobre o asunto. “Estamos volvendo negociar un pouco o tema”, abundou, non sen reiterar que entre finais desta semana e principios da seguinte estará “decidida” a composición do seu goberno.

Iso si, preguntado especificamente sobre Martínez, o deputado provincial que en xuño entregou a presidencia da institución ao PP ao negarse a apoiar o candidato da súa formación pola súa intención de liderar el mesmo a deputación, remarcou que “ten que estar no goberno”. “Porque é un deputado noso”, resolveu.

Finalmente, preguntado sobre a renuncia á Secretaría Provincial do PSOE en Lugo de Juan Carlos González Santín, Campos interpretou que “se sentía un pouco só”. “Creo que é unha decisión persoal, que supoño que meditaría ben, e hai que respectala”, resolveu.

14 de outubro de 2015 | 10:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.