Daniel Ramón: “O sector lácteo galego pode desenvolver moitísimos produtos innovadores que xeren valor engadido”

Sesión de “Bioalmorzo”
“O sector lácteo galego debe investir en I+D para buscar alternativas e produtos que xeren valor engadido”. Así o cre Daniel Ramón, director científico e conselleiro delegado da compañía biotecnolóxica Biopolis, con sede en Valencia. “O sector lácteo galego pode facer moitísimas cousas á marxe dos produtos clásicos” para xerar valor engadido que repercuta na súa viabilidade e na de das explotacións leiteiras, reitera este directivo de Biopolis que hoxe impartiu no Cimus de Santiago unha conferencia sobre A aventura de crear unha empresa biotecnolóxica: o caso de Biopolis, no marco dos Bioalmorzos que impulsa Bioga (Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida). “Convido a que as empresas vinculadas ao sector lácteo galego tomen o camiño da innovación”, engadiu o máximo executivo de Biopolis.
Biopolis fala por experiencia propia. Unha compañía láctea como Central Lechera Asturiana integra o capital desta firma biotech. Daniel Ramón pon o exemplo dun produto desenvolvido coa firma asturiana que xa está á venda en España. “É un probiótico fronte á celiaquía que tamén se comercializa en Estados Unidos e Canadá, e agora comezará a venderse en México e China”. Biopolis tamén desenvolveu para outro cliente uns pos de cacao enriquecidos en compostos de interese funcional. E para a firma catalá de alimentación infantil Ordesa desenvolveu outro probiótico para rotavirus que xa se comercializa en toda Europa, Emiratos Árabes, México e China.
Carme Pampín, presidenta de Bioga, presentou ao directivo de Biopolis. Destacou a súa traxectoria profesional e tamén a súa valía como investigador e científico. E agradeceu a súa visita a Galicia para falar da súa experiencia á fronte de Biopolis. Daniel Ramón é licenciado e doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Valencia e foi catedrático de Tecnoloxía dos Alimentos na mesma universidade. Recibiu numerosos premios e publicou 130 artigos en publicacións científicas internacionais. O executivo de Biopolis indicou hoxe que a súa compañía achega solucións biotecnolóxicas aos problemas que presentan outras compañías. “O cliente ponnos un problema sobre a mesa e nós dámoslle unha solución”, explicou. “A nosa axuda é de principio a fin”.
Que é Bioga? O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), agrupa a medio centenar de socios. As empresas e institucións que o integran facturaron conxuntamente 235 millóns de euros en 2014. Os socios de Bioga dan emprego a 1.425 traballadores. O 60% do emprego xerado está cuberto por titulados universitarios e doutores. Os socios con maior número de traballadores son Lonza, AMSlab e GalChimia. Bioga aposta en 2015 por afianzar a internacionalización das súas.
Que é Biopolis? A compañía biotecnolóxica con sede en Valencia naceu fai 12 anos como spin-off do CSIC. Ten como socios industriais a Capsa (Corporación Alimentaria Peñasanta), Naturex e a sociedade de capital risco Talde. A empresa, que se dedica ao deseño, purificación, validación e produción de cepas microbianas e produtos de alto valor engadido, dispón dunha colección de medio centenar de cepas de bacterias coas que traballa no deseño de probióticos.











