Daniel Díaz lembra que a falta de subministración de tarxetas Millennium xa se produciu en anteriores mandatos
O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, lembrou este martes que a falta de subministración de tarxetas Millennium por parte da empresa provedora, que levou esta semana ao Goberno local a suspender a expedición de novos cartóns nas dependencias municipais, é un feito que xa se producira en anteriores mandatos e que xa entón se solventou de xeito similar a como o fai estes días o Goberno municipal, que empraza ás persoas que queiran tramitar este cartón sen esperar á súa reposición (a vindeira semana) a empregar a Tarxeta Metropolitana. Ocorreu, como sinala o concelleiro, en setembro de 2011, cando o Concello, entón gobernado polo PP, tivo que recorrer a un modelo provisional da Tarxeta Metropolitana durante varias semanas como método de pago do transporte urbano, ante a falta de tarxetas.
O Concello, ademais de solucionar estes problemas puntuais de falta de dispositivos, está traballando para mellorar o soporte, para facelo máis fiable e eliminar a dependencia do servizo respecto á empresa provedora, e evitar situacións como a desta semana. Tamén, e como avanza Díaz Grandío, o departamento que dirixe está a impulsar estudos de cara a “cambiar o modelo de tarxeta, a curto ou medio prazo”. “Mellorar a mobilidade é unha prioridade para este Goberno local”, indicou o concelleiro, que respondeu ás críticas chegadas desde o PP: “O Goberno anterior no pode ser exemplo de coidado do transporte público cando foi o responsable dun Plan de Mobilidade que non deu ningún tipo de solución que afondase nun modelo máis acorde a unha cidade moderna”.











