publicidade hoxe

Curtis advirte a 14 particulares e empresas de que fagan un correcto uso dos colectores de lixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

O Concello de Curtis remitiu escritos a 14 particulares e empresas instándolles a utilizar os colectores de lixo segundo o previsto no Regulamento do Servizo de Recollida de RSU, é dicir, que tiren cada tipo de residuo no seu depósito correspondente para unha adecuada recollida selectiva. En todos estes casos, a concesionaria do servizo alertou de que se realiza un uso incorrecto.

O Goberno local insiste na importancia de que os cidadáns se conciencien na necesidade de coidar o medio ambiente e contribúan a unha xestión eficiente deste servizo xa que unha boa recollida selectiva en orixe facilitará a reciclaxe e abaratará o custo desta prestación pública. A separación da materia inorgánica do resto de residuos non só mellora a reciclaxe para obter produtos de calidade senón que fai posible o aproveitamento e a reutilización destes materiais orgánicos como abono.

Co obxectivo de conseguir estes obxectivos, o concello, ademais de realizar un labor de vixilancia a través de inspeccións semanais co apoio da empresa concesionaria, tamén porá en marcha unha campaña de sensibilización e de información sobre o uso e selección do lixo. 

Sancións

Nos escritos remitidos aos infractores, o Concello lémbralles que a vertedura de lixo en lugares non autorizados constitúe unha infracción moi grave que pode ser sancionada con multas que oscilan entre os 300 e 600 euros. 

21 de outubro de 2015 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.