Cuíña trasladaralle a Ana Pastor a necesidade de mellora da rolda Leste
O alcalde de Lalín reunirase mañá sábado, 10 de outubro, coa ministra de Fomento. Neste encontro, que se solicitou hai unhas semanas, Rafael Cuíña trasladaralle a Ana Pastor a necesidade de que o seu departamento se implique no proxecto de mellora da Rolda Leste. “Queremos que o ministerio colabore no financiamento desta iniciativa”, explica o rexedor, “porque a Rolda Leste é unha vía de comunicación fundamental para vertebrar Lalín e toda a comarca do Deza”. Ademais, pola súa centralidade xeográfica, “o noso municipio é un punto estratéxico para a distribución de mercadorías e para a comunicación das empresas asentadas en territorio galego, polo que cada día son moitos os transportes pesados que empregan esa vía de comunicación”. O alcalde insiste en que estas circunstancias obrigan a que se tomen medias urxentes para reparar e adecentar unha estrada que se deteriorou nun tempo récord, ante a impasibilidade do anterior Goberno municipal”.
Tras coñecer a convocatoria de este encontro, o alcalde de Lalín tamén quixo salientar e agradecer a excelente disposición da ministra de Fomento, “que respondeu á nosa petición de reunión nun prazo moi curto”. Cuíña está convencido de que esa actitude positiva se trasladará tamén a unha posible cooperación entre administracións para a mellora da Rolda Leste, “un proxecto que está claro que é urxente e prioritario para Lalín e que, polo tanto, debería ter encaixe nos orzamentos do ministerio de Fomento para o vindeiro ano”.
O encontro de mañá entre Cuíña e Pastor suporá un novo avance nas negociacións políticas que está a desenvolver o rexedor para acadar a reparación da Rolda Leste. O alcalde de Lalín xa pediu a implicación da Xunta en diferentes reunións coa conselleira Ethel Vázquez e co delegado territorial en Pontevedra, Cores Tourís. Cuíña tamén se reuniu co xefe da Demarcación de Estradas de Galicia, Ángel González del Río.
Seguridade na rúa Areal
No encontro que vai manter o sábado coa ministra de Fomento, o alcalde de Lalín tamén ten previsto trasladarlle a Ana Pastor a petición para que se incremente a seguridade vial na rúa Areal. Recollendo a proposta lanzada polo BNG, Cuíña proporalle a Fomento a colocación de diferentes elementos para a mellora da seguridade, así como o ancheo das beirarrúas ou a redución do límite de velocidade.











