Cuíña convoca aos empregados municipais para que colaboren na campaña de empadroamento

Charla sobre a campaña de empadroamento
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, convocou esta mañá aos traballadores e traballadoras municipais, para solicitarlles a súa colaboración na nova campaña de empadroamento. “Que Lalín manteña os 20.000 habitantes e, polo tanto, a primeira categoría, tamén depende de vós e do voso traballo”, explicou o rexedor, que estivo acompañado polo tenente de alcalde, Nicolás González Casares e polos responsables do Padrón de habitantes, Hugo Facal, e Ángeles Varela.
Rafael Cuíña recordoulles aos empregados públicos que perder a categoría suporía perder recursos públicos e “incluso postos de traballo”. “Isto sería nefasto para Lalín, pero tamén tería moita repercusión para a Casa do Pobo na que nos atopamos”, explicou Cuíña antes de pedirlles o seu compromiso “en facer todo o posible para que aqueles aos que coñecedes que non están empadroados dean un paso ao fronte e se empadroen”. “Isto ten que converterse nun proceso viral. Falade con xente e que esa xente fale con outra ata que se consiga o obxectivo” finalizou o alcalde, que recoñeceu que Lalín está no límete, asegurando, por outra parte, “que existen fórmulas coas que revertir a situación”.











