Cuíña continúa coa rolda de encontros veciñais para coñecer as principais necesidades do rural
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, continúa coa rolda de encontros veciñais polas diferentes parroquias e lugares do Concello de Lalín. As visitas ao rural comezaron xa no pasado mes de xullo e fóronse desenvolvendo de modo gradual acudindo semana a semana a diferentes puntos do municipio.
Cuíña participou en numerosos encontros veciñais no transcurso destes meses, entrevistándose, entre outros, cos veciños e veciñas de Catasós, Noceda, Goiás, Filgueira, Sestelo, Cristimil, Maceira, Barcia, Sello, Zobra, Doade, Anzo, A Veiga, A Xesta, Alvarellos, Anseán ou Madriñán. Non obstante, as reunións do rexedor e do concelleiro de Rural, Miguel Medela, parroquia por parroquia, continuarán ata ter chegado a todas e cada unha delas.
O seu obxectivo é tratar de dar respostas rápidas e eficaces ás demandas máis urxentes dos cidadáns, así como ter un coñecemento xeral das principais necesidades da veciñanza do rural. Hoxe mesmo, Cuíña e Medela déronse cita ás 21.00 horas, cos veciños e veciñas de Méixome, onde como é habitual, estes puideron conversar co alcalde e transmitirlle as súas suxestións e inquedanzas.
Unha das prioridades do Goberno municipal é a recuperación e posta en valor do rural así como a mellora da calidade de vida dos seus habitantes. Porén, tal e como manifesta o rexedor, “os encontros constitúen unha clara acción de contacto, transparencia e participación cidadá, xa que as achegas da xente nos servirán para devolverlle ao rural o seu pasado esplendor”.
Cuíña tamén está aproveitando cada xuntanza para animar aos veciños a sumarse ao proceso de elección dos novos alcaldes de aldea, que se realizará de forma totalmente democrática. A este posto de representación veciñal poderá presentarse calquera persoa que queira e sexa maior de idade, aínda que o concello quere darlle prioridade a mulleres, mozos e a aqueles que nunca antes ostentasen esa función.











