Cuíña amosa a súa decepción polos orzamentos da Xunta que cualifica de “vergoña inasumible”
O Goberno municipal de Lalín cualifica de “vergoña inasumible” o proxecto de orzamentos presentado pola Xunta de Galicia para o vindeiro ano. As contas autonómicas non inclúen nin unha soa partida para proxectos pendentes dende hai anos no municipio, como o CAR ou a mellora da Rolda Leste.
O alcalde de Lalín afirma que con este documento económico queda claro que o goberno galego despreza ao concello, unha situación ante a que Cuíña afirma que “non penso quedar calado nin quieto e vou transmitir o meu malestar porque se ignora a Lalín unha vez máis”. Neste sentido anuncia que vai solicitar unha entrevista co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para expresarlle “o meu malestar”. Ao mesmo tempo asegura que “o Partido Popular de Lalín queda desautorizado para queixarse sobre investimentos en Lalín, cando apoian sen fisuras o que está a facer a Xunta de Galicia”.
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Nicolás González casares, insistiu en que “este engano non vén de agora, xa que a falta de investimentos en Lalín sucédese dende anos atrás”. “Os orzamentos”, di Casares, “non é que sexan pésimos, senón que son nulos”, unha situación ante a que o actual Goberno municipal “non pensa quedar calado. E espero que haxa outros alcaldes que vaian poñer o grito no ceo porque esta situación repítese en case todos os concellos de comarca”.
Canto as cuestións pendentes, o Goberno municipal pon o acento na falta de partidas para o CAR (un centro para o que existen convenio e terreos, pero non cartos), a mellora da Rolda Leste (para o que non hai cartos nin convenio), o edificio de medio rural ou a 4ª fase do polígono Lalín 2000, onde hai veciños afectados que nin cobraron nin poden facer nada nas súas fincas.
Outro dos asuntos pendentes é o remate da concentración parcelaria en Vilatuxe ou Losón, que leva máis de tres décadas sen chegar ao seu fin, e os investimentos comprometidos pola Consellería de Cultura para o colexio Xesús Golmar.
Finalmente, o alcalde lembrou que “durante a crise a axuda da Xunta para Lalín foi cero e agora, cuns orzamentos expansivos, segundo Feijoo, segue a ser cero”. “É o momento”, di Cuíña, “de que os lalinenses tomen nota de que a Xunta está de costas a eles. Teño que dicirlle a Feijoó que Lalín está para algo máis que para comer cocidos”.











