Cristóbal Boudjenane proclámase subcampión europeo na categoría máster

Cristóbal Boudjenane
O Concello de Ordes felicita ao fundador e director do Club Luar Taekwondo polo seu recente éxito profesional acadado en Niza, ao proclamarse subcampión europeo na categoría máster. Un novo triunfo para este gran deportista que xa no 2014 foi subcampión e campión da mesma categoría a nivel autonómico nos anos 2014 e 2013 respectivamente.
Ademais, a pasada fin de semana outro equipo do mesmo club participou no Open Internacional de Moaña, cita na que acadaron tres medallas. Ouro para Álvaro Regueiro na categoría júnior e prata para Rodrigo Varela e Sara Gacio na categoría cadete.
Por outra banda mañá ás 10.30 horas o alcalde de Ordes, así como outros membros do seu equipo de goberno e representantes da corporación municipal, ofrecerán unha recepción oficial no salón de pleno do Concello aos integrantes do dito club. Na cita ocupará un lugar relevante Ainhoa Ramos Manteiga, recentemente proclamada campioa nacional júnior, en Alacant. Un acto aberto a toda a veciñanza e afeccionados e afeccionadas a este deporte.











