publicidade hoxe

Cores Tourís comprobou os traballos da comunidade de montes de Xesta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Lama
A-
A+
Cores Tourís na Lama

Cores Tourís na Lama

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá os traballos de mellora de pistas forestais e roza que a comunidade de montes de Xesta en A Lama está a executar grazas a colaboración económica da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Na visita, Cores Tourís estivo acompañado do alcalde de A Lama, Jorge Canda, do presidente da comunidade de montes, Francisco Couselo, de membros da xunta rectora, así como do xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, e o xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco.

O monte de Xesta, no concello de A Lama, conta cunha unha superficie de 2.845 hectáreas, cunha carga de gando de 600 vacas e 500 cabalos, así como caza maior (xabarís e corzos) e menor (coellos).

O delegado territorial acercouse ata o lugar onde se están a executar traballos nestes intres invitado pola comunidade de montes. Estas obras supoñen a execución de mellora en pistas forestais ao longo de máis de 11 quilómetros, así como a execución de cortalumes e a de faixas auxiliares, así como roza mecanizada. Tamén se levaron a cabo labores de silvicultura como podas, rareos e recollida de restos de masas forestais.

“En total, no concello de A Lama destináronse 214.000 euros para as comunidades de Xesta, Xende, Barcia do Sexio, Beducido, Antas e A Lama, dos cales o 80% dos cales foron aportados pola administración autonómica”, explicou Cores Tourís, quen asegurou que o obxectivo destes traballos “é preparar o monte durante estes meses de inverno de cara á chegada do próximo verán, de xeito que poidamos previr de forma máis axeitada os lumes forestais”.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra engadiu que a administración autonómica está a traballar para limpar e preparar os montes de cara a frear o risco de incendios. Deste xeito, na comunidade de montes de Xesta, estase a traballar ao longo de 11 quilómetros coa finalidade de mellorar as vías de comunicación de cara a poder atallar coa máxima celeridade os posibles lumes e evitar así a súa propagación. No caso concreto desta comunidade de montes, a axuda directa da Xunta para estas tarefas foi de case 22.000 euros. Na provincia de Pontevedra, o importe total destinado pola Consellería de Medio Rural e do Mar para estes fins foi este ano de case 1,7 millóns de euros.

Durante o presente ano, no concello de A Lama rexistráronse 9 lumes forestais, ardendo un total de 9,5 hectáreas de superficie rasa. “Os datos falan dun descenso progresivo do número de incendios nos últimos anos, a raíz do traballo de prevención que realizan os efectivos da Xunta de Galicia e as propias comunidades de montes, así como grazas a colaboración cidadá que permite atallar con maior celeridade os focos dos incendios e localizar os presuntos incendiarios. De feito, na Lama, este ano foron imputados tres veciños por prender lume ao monte”, explicou o delegado territorial.

José Manuel Cores Tourís aproveitou esta visita para facer un chamamento á implicación da cidadanía, solicitándolle que extremen calquera acción que desenvolvan no monte en calquera época do ano. “Entre todos temos que coidar dos nosos montes”, rematou o delegado territorial.

2 de outubro de 2015 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.