Cores Tourís comproba o avance da innovación da firma Ibérica de Esponjas Vegetales

Cores Tourís na visita á empresa en Caldas de Reis
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a firma Ibérica de Esponjas Vegetales para comprobar o avance da innovación na súa produción.
O delegado territorial estivo acompañado nesta visita polo xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, así como polo representante da empresa, Juan Carlos Mascato.
Deste xeito, o delegado territorial visitou a planta que a empresa ten en Caldas de Reis, onde cultiva 6 hectáreas de esponxas a partir dun cruce xenético de varias subespecies vexetais, e que poden cultivarse nesta área xeográfica grazas o microclima especial do noroeste peninsular.
Segundo puido comprobar Cores Tourís, trátase un sector con gran potencial innovador tanto no eido industrial coma cosmético, xa que a súa investigación e innovación é constante, producindo esponxas de gran lixeireza e resistencia, substituíndo fibras sintéticas por fibras naturais como a cabaciña. A súa produción supera as 150.000 unidades de esponxa de baño e 150.000 doutros produtos derivados de fibra vexetal como desmaquillaxes faciais ou vitro esponxas.
De feito, hoxe os representantes da empresa aproveitaron a visita de Cores Tourís para mostrar unha nova fibra intermedia que permitirá sacar ao mercado unha nova marca, Iberluffa.
O delegado territorial quixo facer fincapé no feito de que a Xunta está a apoiar a esta empresa a través do programa ReAcciona do Igape, dentro da aposta que a administración autonómica está a facer polo emprendemento e a competitividade empresarial. “Non podemos esquecer que estamos a falar dunha empresa que leva 4 anos de intensa e constante investigación, que se consolidou en España e en países como os do mercado árabe, e que está a facer un importante esforzo para continuar a crecer na exportación a outros países europeos. É para nós todo un exemplo de talento galego, de creatividade e de traballo innovador”, engadiu Cores Tourís.
Esta empresa responde aos valores da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) que persegue unha auténtica transformación de Galicia mediante a mobilización de 1.600 millóns de euros nos próximos sete anos. “Ibérica de Esponjas Vegetales aposta por un produto capaz de competir a nivel global, que apenas se produce en Europa, que é un exemplo de viabilidade empresarial no rural”, rematou Cores Tourís.