Convócase o concurso de guións contra a violencia de xénero e o premio Concepción Arenal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero que dirixe a deputada Ánxela Franco, convoca dous certames co fin de promover a igualdade e combater a violencia de xénero desde o ámbito educativo. Premiaranse proxectos educativos e guións.
O II concurso de guións contra a Violencia de Xénero ten como obxectivo “xerar reflexión e conciencia na mocidade, xa que son un vehículo de transmisión e motor do cambio e do futuro, ademais de fomentar a súa participación nunha actividade creativa de sensibilización a través da edición dun guión, dedicado a concienciar a poboación en xeral dos motivos polos que debemos xuntar os nosos esforzos para combater a violencia de xénero e erradicar esta lacra social”.

A convocatoria procura a participación e o compromiso da comunidade educativa, ámbito ao que se dirixe a iniciativa na que poden participar persoas de entre 14 e 18 anos que se poden presentar en grupo ou individualmente.

O premio consistirá nun curso práctico de realización de curtas, no que se producirá o vídeo sobre o guión gañador. Outorgarase tamén un premio en metálico de 2.000 euros ao centro educativo que titorice o guión gañador.

O departamento que dirixe a nacionalista Ánxela Franco convoca tamén o Premio Concepción Arenal para Proxectos Educativos pola Igualdade de Xénero que que ten como finalidade “promover políticas de igualdade e prevención da violencia de xénero na poboación infantil e adolescente”. A iniciativa busca premiar o compromiso e implicación dos centros educativos públicos da provincia e, con ese fin, convócanse as categorías de proxectos en educación infantil, primaria e secundaria. Cada centro poderá participar cun único proxecto e a convocatoria recolle un premio por cada modalidade.

Neste caso, o premio concederase ao mellor programa educativo en cada das modalidades que xa se implantase e se pretenda continuar ou que estea pendente da súa execución. Premiarase o programa de actividades do centro no que se traballe a prol da consecución da igualdade entre homes e mulleres, así como a sensibilización, prevención de comportamentos de risco e intervención en materia de violencia de xénero incorporando de maneira transversal a educación en valores como a solidariedade, tolerancia, respecto, xustiza, igualdade… a promoción da empatía e autoexpresión emocional e o fomento da participación da familia, a escola e a comunidade.

30 de outubro de 2015 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.